Carballo a un paso

Compartir:

Un total de 35 webseries conforman a sección oficial do Carballo Interplay

Foron escollidas entre 104 candidatas de todo o Estado. A organización procurou unha selección diversa e de calidade.

A do luns, 31 de marzo, foi unha noite longa para Sonia Díaz, a directora do Carballo Interplay, o primeiro festival de webseries de todo o Estado. Ás doce da noite, a organización deu a coñecer a selección oficial de webseries que entrarán a concurso entre o 24 e o 27 de abril, na celebración do festival en Carballo, e acto seguido, foille comunicado a cada finalista (35 webseries en total) a noticia.

A expectación non era pouca. A escolla prometía ser, e de feito foi, difícil. Cumpría seleccionar entre un total de 104 webseries: dez delas en galego, dez de animación e as restantes, de imaxe real e/ou en castelán. Dúas terceiras partes, á forza, ían quedar fóra. Finalmente, cinco webseries competirán polo premio á mellor en galego; un total de sete lidarán polo premio á mellor webserie de animación e, o máis disputado e o máis concorrido, será o premio á mellor webserie en imaxe real.

Calidade e diversidade

O comité de selección, conformado por seis persoas de ámbitos diferentes (integrantes da organización e persoas con experiencia en selección doutros festival, en dirección audiovisual e na rede) optou, dinos a súa directora, por combinar calidade e diversidade.  E diversidade, dende logo, non falta. Predominan aquelas webseries cun toque de humor, pero os xéneros devalan dende o documental até o thriller, o terror ou a ciencia ficción, deixando polo medio un abano amplo, no que podemos atopar curiosas mesturas de xénero, coas que as webseries, que non teñen máis límite nin imposicións que as da imaxinación, non teñen reparos en atreverse.

As 35 webseries que conforman a sección oficial distribuiranse en sete bloques, que se visionarán as tardes do xoves 24, o venres 25 e o sábado 26. Cada bloque terá unha duración aproximada dunha hora, a non ser o último do venres pola tarde, pois tras el haberá unha proxección sorpresa que a organización aínda non desvelou. De cada webserie, serán visionados dous capítulos ou, no caso de que sexan superiores aos quince minutos, só un.

Drama, comedia, ciencia ficción...

O Carballo Interplay vai supoñer un miradoiro único (será, de feito, o primeiro en todo o Estado) para poder facernos unha panorámica dese mundo emerxente que son as webseries. Unha fórmula que está a facilitar non só novas saídas ápara amosar a súa creatividade e darse a coñecer en tempos especialmente complexos, nos que as portas das televisións moitas veces son inexpugnables, senón que ademais, abren camiños e formatos novidosos para o audiovisual, que aínda están por analizar.

As webseries son, de feito,  un fervedoiro de creatividade sobre cuxas repercusións aínda non se reflexionou, comezando pola propia pregunta identitaria: Que é unha webserie? Simplemente unha serie trasladada a internet, ou algo máis? Probablemente si haxa algo máis. Os formatos que funcionan en determinadas webseries, que son exitosos en internet (adoito máis cortos), non teñen porque selo necesariamente nos formatos televisivos convencionais. E, en moitas ocasións, o seu nivel de experimentación e creatividade, as temáticas e as inquedanzas que poñen en pantalla, non teñen cabida nas programacións máis convencionais das grellas televisivas. A resolver este tipo de cuestións axudaranos o Carballo Interplay, ou cando menos a descubrilas pois no mundo das webseries, non hai finais previsibles nin escritos.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica