Carballo a un paso

Compartir:

"Recibimos xa case noventa webseries. A selección vai ser potente"

Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay, o primeiro festival de webseries do Estado

Comeza a conta atrás para o Carballo Interplay, o festival de webseries que, entre o 24 e o 27 de abril, se celebrará na capital bergantiñana. Até o momento, foron xa case noventa as webseries recibidas de todo o Estado e dos máis diversos xéneros. Falamos con Sonia Méndez, a súa directora, para procurar novas claves dun festival que tamén lle dará entrada ao lúdico e á reflexión. "Queremos crear un caldo de cultivo festivaleiro", dinos a directora do CIP. E parece que o están a conseguir…

-Falta pouco máis dun mes para a celebración do festival. Comezas a notar, como directora, a presión?


-Non é presión exactamente, pero agora si é certo que se acelera o ritmo de traballo.


-Como inflúe, na propia concepción do evento, o feito de ser o primeiro festival de webseries do Estado?

-Non inflúe tanto iso como que sexa a primeira edición, onde se marca o tipo de festival que queres ser e que liña queres seguir. Dende o principio dixemos que queriamos un festival no que non só se poidan ver e premiar webseries, senón no que tamén haxa outro tipo de actividades, tamén lúdicas, de modo que se poida falar de webseries escoitando a un dj e tomando unha caña. Queremos xerar un caldo de cultivo festivaleiro.

"Queremos un festival no que non só se poidan ver webseries, senón no que tamén haxa outro tipo de actividades, tamén lúdicas, de modo que se poida falar de webseries escoitando a un dj e tomando unha caña."

-O 12 de marzo presentastes o Carballo Interplay na Escola de Imaxe e Son en Vigo. Tedes pensado presentalo en máis escolas. Por que?

-Algunhas das actividades están pensadas non só para profesionais senón para alumnos de escolas ou xente que estea interesada no audiovisual. De aí, a idea de presentar o festival nas escolas.

-O Carballo Interplay contará cun amplo programa de actividades paralelas que estades a desvelar aos poucos. Que nos podes adiantar?

-Haberá unha master class de "branded contend", un novo modelo publicitario, que impartirá Roger Casas Alatriste, da produtora El Cañonazo Transmedia. É moi interesante esta master class porque o "branded contend" achéganos a unha maneira de buscar financiamento para os traballos audiovisuais.

-E non é a única sesión na que se reflexionará sobre esa materia pendente que é o modelo de financiamento das webseries…

-Julio Garma, un dos creadores da serie Freaklances, presentará o Freaklances Projetc, un proxecto de distribución e produción de webseries. É a primeira iniciativa que existe para a distribución de webseries, e resulta interesante para buscar financiamento pois é unha empresa que distribúe e saca rendemento económico de webseries.

-A falta de financiamento é, de feito, un dos principais problemas das webseries…


-Até o de agora, facer rendíbel unha webserie é complicado, por non dicir imposible. As plataformas que che facilitan algún tipo de beneficio non son suficientes. Esta limitación económica fai que as webseries teñan que suplir a falta de cartos e medios con imaxinación. Hoxe en día nin sequera a xente está pagando por ver películas. O modelo está cambiando e temos que ver como nos adaptamos e como seguimos producindo, buscando novas formas de financiamento. Cobrar por visualización en internet está descartado, porque, en primeiro lugar, é imposible controlar o pirateo. Como modelo de financiamento está o crowdfunding, pero non é suficiente. Hai que buscar outros modelos. Eu non teño a resposta, por iso facemos esta master class e esta mesa redonda para procurar conseguir respostas.

"Até o de agora, facer rendíbel unha webserie é complicado, por non dicir imposible. Esta limitación económica fai que as webseries teñan que suplir a falta de cartos e medios con imaxinación. O modelo está cambiando e temos que ver como nos adaptamos"

-Outra cuestión aberta, que se abordará no Carballo Interplay, son os cambios que en internet se producen nas narrativas audiovisuais…  

-As webseries e non só, senón tamén a videoarte e outros proxectos transmedia, abren novos camiños narrativos. Todo isto está pasando e, ás veces, cando as cousas están pasando, a reflexión é posterior. Estamos nunha especie de "voráxine" dixital. Mestúranse xéneros, diferentes duracións… Non existen definicións. No Carballo Interplay, imos ter unha mesa redonda sobre novas narrativas para ver se podemos definir un pouco o que está pasando ou polo contrario concluímos que o que está pasando, está pasando, e non se pode definir ou teorizar sobre isto. Sempre dicimos que o que ten internet é a liberdade creativa, o feito de que non haxa ningunha limitación.

-En que vai consistir esta mesa redonda?  

-Estará aberta a todo o público. Contará con David Sainz e Teresa Segura, os padriños do festival, director e produtora da serie Malviviendo, e tamén con Felipe G. Gil, un director que leva anos investigando e practicando ao redor da cultura do remix e de narrativas audiovisuais diferentes, e mais con Lidia Fraga, membra do xurado, guionista e experta na creación de ficción en diferentes plataformas. A mesa estará moderada por María Yáñez.

-No Carballo Interplay, ademais da exhibición, hai unha parte de reflexión importante…


-Vai haber proxección de webseries o xoves, o venres e o sábado, no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, mais polas mañás haberá tamén actividades no Fórum da vila, que é onde vai estar o punto de información e a sede do festival. Para nós sería importante que se xerase un debate sobre novos modelos narrativos, cara a onde vai internet, como buscar financiamento para estes produtos… Será un festival non só para ver webseries, senón que tamén haberá actividades lúdicas e tamén educativas.

"Será un festival non só para ver webseries, senón que tamén haberá actividades lúdicas e educativas"

-Que podes adiantar das actividades lúdicas?

Tanto o venres como o sábado vai haber concertos despois das sesións de proxección. E o sábado, despois da entrega dos premios, estarán os Unicornibot como cabeza de cartel. Pola mañás teremos todo o tempo funcionando o Fórum con actividades. Despois das actividades, o venres e o sábado, vai haber sesión vermú. Todos os días haberá moitas cousas que facer.  

-Como vai a recepción de webseries?  

-Agora mesmo estamos case en 90 webseries. A selección vai estar potente. Non seleccionaremos moitas webseries, pero si faremos unha selección interesante para que a xente poida ver de todo, para que teñan coñecemento de que existen este tipo de series en internet e cheguen á casa e se animen a velas enteiras.

-Que predomina nas webseries que vos van chegando?

-Hai thriller, ciencia ficción, terror… pero o que máis predomina, como xénero, é a comedia.

-Que che sorprende do que vas vendo?

-Sorpréndeme a variedade e ver tamén que xente moi nova está a coller a cámara e os colegas para facer unha webserie. Ao mellor non teñen toda a calidade de produción audiovisual, pero paréceme moi entrañable que se poñan a facer este que é un exercicio audiovisual e de narrativa. Aínda que se repiten certos formatos ou temáticas, hai unha procura do orixinal e do diferente.

-De que lugares vos están chegando webseries?


-De todas as partes de España. Mesmo contactaron con nós persoas con webseries en Sudamérica e Estados Unidos, mais nesta primeira edición o festival é de ámbito estatal. Esperamos que o festival se consolide para que poida chegar a ser internacional.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica