Carballo a un paso

Compartir:

A estanqueira da Milagrosa

O estanco da Milagrosa leva xa medio século aberto. A súa responsable, Susa Piñeiro, fai lembranza dos tempos nos que o tabaco se vendía en cuarteróns.

Pilar Martín, a fundadora do estanco de A Milagrosa

Pilar Martín, a fundadora do estanco de A Milagrosa, en 1975

Xa se sabe: en casa de ferreiro, coitelo de pau. Nin Susa Piñeiro, nin os seus dous fillos nin a súa filla, fuman, malia aos centos de marcas de tabaco de todos os tipos (cigarros, puros, puritos, de picadura e até de sabores) que se poden atopar no seu estanco. Fundado en 1963 pola súa sogra, María del Pilar Martín, nun baixo ao lado dos ultramarinos Francisco, na Ponte, no barrio da Milagrosa, o seu é o segundo estanco máis antigo de Carballo.

A medida que imos falando con máis e máis comercios deses de toda a vida de Carballo, descubrimos denominadores comúns. A maioría chegaron aos nosos días cunha muller á fronte. Pilar Martín, a fundadora do estanco da Milagrosa, xa tivera outros negocios na vila, como a cafetería Capri que, aló polos anos 50, estaba emprazado diante da estación da vella estación de buses, ou a tenda de roupa infantil Rosa Azul, na rúa Coruña, onde mesmo se lle collían os puntos ás medias.

Cando se fumaba caldo de galiña

Tabaco en picadura

Tabaco en picadura

No ano 63, o Estado concedeulle a Pilar a titularidade do estanco número 2 de Carballo. A través da historia deste estanco, sorprendémonos descubrindo unha parte da historia de Carballo que até agora non atoparamos, a dos nosos hábitos máis cotiás. Dende os tempos nos que a clientela estaba conformada maioritariamente por homes maiores fumadores de tabaco negro en picadura como o "caldo de galiña" (os míticos Ideales) ou a Picadura selecta,  até a incorporación do hábito ás mulleres, aló a finais dos setenta e principios dos oitenta,  e a extensión do tabaco rubio no mercado. Dende aqueles anos en que o tabaco se vendía por medias libras (225 gramos) e cuarteróns (120 gramos), até a xeneralizacións dos cigarros e a volta, agora de novo, ao tabaco de picadura por ser máis barato.

A Milagrosa nos anos 60

Susa Piñeiro, a actual responsable do estanco

Susa Piñeiro, a actual responsable do estanco

Aquel barrio da Milagrosa ao que chegou Pilar naqueles anos 60 era moi diferente ao actual. Moitos dos edificios que agora o enchen estaban sen construír. Mais ter xa tiña unha identidade propia. A xente de aquí consideraba que ía a Carballo cando cruzaba o río, o Anllóns, para ir ao centro. Pilar, que era unha muller emprendedora, vendía no seu negocio algo de todo: o tabaco convivía con xornais e revistas, e con produtos de bixutería, de perfumaría ou mesmo reloxos. No barrio había moitas menos tendas que agora, e ela suplía así esa carencia.

Por aquel entón, os estancos concibíanse de maneira diferente. Tiñan un carácter máis oficial e menos comercial. Neles comprábase non só tabaco senón todo tipo de papeleo ligado ao Estado, dende certificados penais até últimas vontades, mais esta vertente do negocio, ao informatización da burocracia ou a actual xestión destes trámites por outras vías como o rexistro civil, foi decaendo.

Un negocio que se reinventa

O estanco no seu emprazamento actual

O estanco no seu emprazamento actual

Os tempos cambiaron e os estancos tamén houberon de reinventarse. En 2005, o de Susa trasladouse a unha esquina de amplos escaparates preto da capela da Milagrosa. Nos seus andeis podemos atopar centos de marcas de tabaco, adaptados ás últimas tendencias dun mercado que, dende a subida dos prezos deste produto hai uns cinco anos, se diversificou para ofrecer alternativas máis baratas, como o tabaco de picadura (máis de 300 formatos e de 100 marcas diferentes atopamos á venda no estanco) ou os puritos (envoltos en folla de tabaco, e non en papel, e máis baratos).

A nora de Pilar, Susa, que é a que recupera para nós esta historia, nunca pensou rematar de estanqueira, mais agora non se arrepinte. Comezou botando unha man nos domingos de feira e, cando o seu sogro morreu, en 1983, incorporouse ao negocio para axudarlle á sogra. Agora a Susa axúdana os fillos. "E vai haber relevo xeracional?", preguntámoslle ao fillo que está nese momento con ela na tenda. Háxao ou non, dime Susa, "a miña obriga é deixarlles un negocio que funciona". E a xulgar pola continua entrada de clientela neste tempo que compartimos para rescatar recordos do pasado, parece que así o vai facer.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica