Carballo a un paso

Compartir:

"Queremos embelecer e darlle cor á vila"

Paula Fraile e Roberta Venanzi, coordinadoras do proxecto

Roberta Venanzi e Paula Fraile

Venanzi e Freire, diante do primeiro muro que van pintar, na r/ Sol

"Este proxecto vai embelecer a vila, darlle cor" Roberta Venanzi é licenciada en Belas Artes en Roma e traballa na capital italiana e na Coruña.  Paula Fraile naceu en Guadalaxara e licenciouse, tamén en Belas artes, na Universidade Complutense de Madrid. Ámbalas dúas gustan de traballar en grandes dimensións e da pintura mural en exteriores. Teñen obra neste formato en Roma, Berlín e noutros puntos do Estado e, agora, coordinarán en Carballo, xunto cun equipo de artistas, o proxecto "Derrubando muros con pintura". O obxectivo: embelecer, nos vindeiros meses, varios muros da nosa vila con auténticas obras de arte.


-Como chegan a Carballo unha artista de Roma e outra de Guadalaxara?


Paula Fraile: Coñecémonos o verán pasado. Coincidimos nun obradoiro de gravado que organizan conxuntamente, en Salamanca, a fundación C.I.E.C. de Betanzos, e o centro de gravado ALFARA.  Alí coincidimos un equipo de gravadores de Galicia e do resto de España. Comezamos a facer piña e a axudarnos, buscando proxectos nos nosos países. Eu estiven despois, de feito, en Florencia, cunha bolsa que me recomendou Roberta.

Roberta Venanzi: E eu estiven comisariando logo un proxecto no Museo de Arte Contemporánea de Roma (MACRO). Enterámonos de que unha galería da Coruña ofrecía unha bolsa para produción artística e Paula e mais eu presentámonos, aceptáronnos o proxecto, e estivemos na Coruña este verán. Ela viña de Florencia e eu de Roma. Foi así como chegamos a Carballo.

Paula F.: Queriamos expoñer pola Costa da Morte, unha zona que tamén nos apetecía coñecer. Chegamos a Carballo e atopámonos con este proxecto, que aceptamos encantadas, porque ámbalas dúas pintamos en grandes formatos.

-En que outras cidades tedes obra en exteriores?

Paula F.: En exteriores, teño obra en Alemaña e en España, fundamentalmente en Castela A Mancha. En Madrid, desenvolvín un proxecto de pintura mural ao longo dun ano, en  Alcalá Meco, no cárcere de Madrid II, con persoas internos. Foi un proxecto de pintura mural para o patio central do cárcere. Foi unha experiencia moi bonita. Tamén en Berlín fixen murais con spray.

Roberta V.: Eu pintei para particulares, en varias "villas" dos arredores de Roma. Ámbalas dúas pintamos un mural interior no bar La Chula, na Coruña.

Obra de Paula Fraile

Obra de Paula Fraile

-Nunha vila como Carballo, cal é a importancia dun proxecto coma este?

Roberta V.: Embelecer, dar cor á vila.

Paula F.: Esa é a primeira función, aledar a vila. Para nós, esta vila é moi pos-moderna, con ese punto industrial e con esas casas antigas mesturadas con outras moi novas. É unha paisaxe moi pos-moderna e préstase moito á intervención, ao mural. Aquí hai algo moi bonito, que non temos en Castela nin en Roma: as humidades. O feito de que chova moito fai a vila máis escura, como nas cidades do norte de Europa, e hai un gris especial. Iso pódese aproveitar moi ben, deixando esas zonas de humidade, que son froito da intervención da chuvia  nese muro, e intervindo nós o resto da parede.

Roberta V.: Integrariamos a humidade no debuxo.


-Ides comezar na rúa do Sol, no edificio do concello xunto á escultura do Artiluxio no que agora hai instalada unha lona turística sobre Carballo, non si?

Paula F. Queríamos comezar dende fóra e ir avanzando cara o interior da vila, non empezar na praza da vila, que é algo moi agresivo para a xente.

Unha das obras de Roberta Venanzi

Unha das obras de Roberta Venanzi

-Como van a ser eses murais?

Paula F.: Gustaríanos facer algo amable para comezar, non agresivo. Traballamos dunha maneira abstracta, non ilustrativa.

Roberta V.: A nosa idea é integrar co que hai ao redor, pero dentro dunha liña abstracta.

-Como vai ser o mural polo que comecedes, o da Rúa do Sol?

Paula F.: Serán motivos vexetais, unha especie de xardín vertical con pintura, de fervenza que caerá dende a lona, para darlle continuidade ao céspede e ás sebes que hai á beira. Basearémonos nas plantas dos xardíns de Carballo. Pintaremos con spray a zona de abaixo do edificio. A lona, nas horas de menos luz, pintarémola no Fórum.

-Que importancia vai ter a cor?


Roberta V.: Tendemos a utilizar cores fortes, cores primarias…

Paula F.: Non vai pasar desapercibida, é arte contemporánea.

-Que valor lle pode dar a Carballo?

Paula F.: Interese turístico, dende logo. Atraerá a xente nova, e a xente que lle interesa a arte e a cultura.  O ter un aspecto máis atractivo e contemporáneo vai facer que a organización de festivais e doutro tipo de eventos teña outro punto, maior interese. Vaille dar un aspecto totalmente distinto, máis próximo ao dunha cidade. Todas as cidades están intervidas con murais, é algo bastante habitual hoxe en día. Vai facer que haxa máis gusto polo coidado das cousas, pola decoración. En Ordes, por exemplo, levan seis anos organizando intervención urbana na vila cun grupo chamado Desordes creativas. En seis anos, conseguiron intervir todo a vila, con pezas mesmo de artistas internacionais e bastante boas.


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica