Carballo a un paso

Compartir:

Manolo Rivas na Praza dos Libros de Carballo

"O primeiro agasallo que eu lle din á miña nai foi un pan de Carballo"

Veu a Carballo a presentar o seu último libro, As voces baixas, e aproveitamos para falar con el. O que ía ser unha entrevista pronto virou, en mans deste alquimista das palabras, en máis ben conversa. Manolo Rivas demostrounos que sabe moito de Carballo. En Carballo escribiu partes de O lapis do Carpinteiro. De Carballo era o pan que foi o primeiro agasallo que lle deu á súa nai de pequeno. E sobre Carballo, o Anllóns, o pasado republicano, @s feirantes, @s moinantes… gustaríalle chegar ao extracto do invisible.

Manolo Rivas

Manolo Rivas cun pan de Carballo

-Carballo é Costa da Morte e ti vives na Costa da Morte…

-Vivo un pouco nómade, entre A Coruña e Costa da Morte, aínda que para min A Coruña é tamén Costa da Morte. Para min hai un continuo entre Montealto, onde nacín, o Orzán, o Portiño, San Pedro, Barrañán…

-Imaxínome que coñeces ben Carballo…

-O meu fillo e a miña filla, cando viviamos no Val de Soneira, viñeron aquí ao conservatorio varios anos, cousa da que estamos moi agradecidos. Eu traíaos, paraba aquí en Carballo e teño escrito moitas cousas aquí.

-Tes escrito cousas aquí?

-Moitas porque pasaba horas aquí. Cadraban en horarios distintos e eran dous. En O lapis do Carpinteiro, hai cousas que están escritas na biblioteca de Carballo e mais nalgún bar. Mais coñecer ben é difícil porque unha cousa é pasar moitas veces por un sitio, mesmo parar, coñecer o visíbel, e outra é afondar no invisíbel, e teño pendente profundar moito máis en Carballo. Profundar significa non ficar na codia das cousas, afondar na memoria da xente… Hai aspectos de Carballo nos que me gustaría afondar.…

-En que che gustaría afondar?

-Dende logo en momentos históricos, como o tempo da República ou da Guerra Civil. Carballo xogaba entón un papel central no desenvolvemento de Galicia na época da República, nos plans que había naquel momento, por exemplo, o dunha liña férrea que querían facer dende A Coruña até Cee, pasando por Carballo. Tamén me gustaría profundar noutra época, na que Carballo era para nós, mozos da Coruña, centro da movida, nos anos 80…

"O Anllóns, xunto co Miño, son ríos que non só son parte da xeografía, senón tamén da psicoxeografía emocional. O Anllóns conta historias, ten a memoria da xente que mirou para el, que lle falou…"

-Nun libro teu falabas de A Revolta, unha discoteca carballesa moi en auxe por aquel entón…

-Si, A Revolta, As Airas… Non lle chamemos movida, a min gústame máis a palabra revolta. Gústame tamén moito o mundo dos feirantes, dos moinantes, moitísimo… O propio río… Eu teño moitas ganas de facer unha historia do río Anllóns, ese río que ten un carácter simbólico tan grande. Ao fin e ao cabo o mundo é auga organizada. Gustaríame darlle voz ao río.

-Simbólico por que?

-Todo o río, dicía Cunqueiro, é un amado fogar. Pero é que os ríos eran o lugar por excelencia, onde se fundaron as primeiras vilas, os lugares…, e ademais ten esa condición de alfa e de omega. A unha persoa o río pásalle por dentro. O Anllóns xa cambiou moito en Carballo, está moi recuperado, pero habería que revalorizalo máis aínda, e non só en Carballo. O Anllóns, xunto co Miño, son ríos que non só son parte da xeografía, senón tamén da psicoxeografía emocional. O Anllóns conta historias, ten a memoria da xente que mirou para el, que lle falou…

-Tamén daría para unha boa historia a antiga mina de wolframio do Monte Neme, tan en auxe na II Guerra Mundial, cando o mineral era vendido ao bando nazi e os espías pululaban pola zona…

-Son historias, ademais, que teñen unha dimensión internacional. Aínda hai pouco lía nunha publicación estranxeira onde aparecía Carballo situado ao falar do wolframio galego que era usado polos nazis. E despois está o pan, que debería estar no escudo nobiliar.


"En O lapis do Carpinteiro, hai cousas que están escritas na biblioteca de Carballo e mais nalgún bar. "

-Gústache o pan de Carballo?

-En As voces baixas o pan de Carballo aparece mencionado no primeiro capítulo. De moi pequeniño, un padriño meu que era viaxante e vendía especies, levoume con el a Fisterra. Ía parando en todos os restaurantes. Estouche a falar seguramente do ano 62. E lembro que na volta parou en Carballo e comprou un pan que era case tan grande coma min e díxome que llo dera á miña nai. Eu volvín abrazado ao pan. O primeiro agasallo que eu lle din á miña nai foi un pan de Carballo.  

-En As voces baixas tamén falas do Xestal…

-Tamén. A historia do Xestal impresionoume moito porque tamén era parte da infancia o escoitalo. Era un personaxe daquela moi popular, triunfante. Aparecía todos os domingos na radio. A parte dalgunhas cantigas ou pezas folclóricas, era a única persoa que falaba en galego na radio, con ese humor e esa retranca que te facía rir tanto. Despois esquecinme do Xestal pero cando empecei a traballar no xornalismo encontreime coa outra historia do Xestal, a historia dramática dunha persoa que caeu en desgraza e que foi perseguida pola súa condición de xénero, polo seu carácter homosexual. Faiche ver o terríbel que era aquilo. Despois falei con el e contoume a súa historia, o mal que o pasou no cárcere…  

-Un lugar preferido en Carballo?  

- Por suposto, toda a costa. Tamén me gusta moito a estrada de Carballo a Santiago, ese val que hai ao saír da vila, marabilloso. A min gústanme moito os arredores todos, os campos de millo, recoñecer este Carballo que era capital do cereal, a despensa, o hórreo de Galicia. Gústame moito o tipo de construción,  as pequenas aldeas. É unha  bisbarra que me senta moi ben. Con razón dicían que "Nemancos, Soneira, Bergantiños, deberían estar escritos con fíos de ouro no mapa do antigo reino de Galicia".


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica