Carballo a un paso

Compartir:

Máis arte para Carballo: Mágoa rende homenaxe ás vítimas da COVID-19

A escultura é obra do artesán Fabián Lage, está situada na contorna do Fórum e tamén pretende ser unha crítica do capitalismo salvaxe

Mágoa

Mágoa, escultura de Fabián Lage | 📷 Turismo Carballo

Carballo lembrará para sempre ás vítimas da COVID-19 a través dunha escultura titulada “Mágoa”, obra do artista local Fabián Lage, que pretende ser unha crítica ao capitalismo salvaxe e ao mesmo tempo promover, en palabras do seu autor, “un pensamento colectivo de cambio”. A madeira do ciprés centenario derrubado por un temporal na Praza do Concello no ano 2015 volve a ser a materia prima dunha peza artística, pero nesta ocasión rexorde tamén como o tronco ao que agarrarse en tempos de incerteza. A escultura, encargada polo Concello de Carballo, está situada na zona axardinada do Fórum Carballo e xa forma parte dun espazo que foi obxecto dunha profunda transformación nos últimos anos.

Mágoa retrata un futuro apocalíptico convertido nun presente profetizado en incontables ocasións

Fabián Lage define “Mágoa” coma unha escultura “de corte fantástico que lembra en certo xeito á viñeta dun cómic e que retrata a imaxe dun futuro apocalíptico e, á vista dos acontecementos recentes, dun presente profetizado en incontables ocasións”. Unha figura feminina de “beleza enfermiza” é o centro da composición, na que destacan as mans como nexo de unión entre as pezas e fundamento filosófico da obra e a máscara, “unha clara homenaxe a todas as vítimas da COVID-19, moitas das cales abandonaron este mundo a mans dunha cruel enfermidade que non deixou que marchasen arroupados co agarimo dos seus seres queridos”, engade Lage.

O autor

Fabián Lage é un artesán de Carballo residente na Laracha especialista en restauración e reproducións en madeira, especialmente en mobles e carpintarías antigas. Formouse na Escola Taller de Carballo, e aínda que xa comezara a facer algunha incursión con pezas de pequeno tamaño, asegura que a súa primeira obra escultórica é Alén creada para Derrubando muros con pintura en 2019 tamén con madeira do centenario ciprés carballés.

Os seus primeiros proxectos empezan no ano 2004 á fronte do grupo artístico Mensa. Foron dúas obras efémeras, xa que se crearon para o Concurso de Cachelas de San Juan do Concello de Carballo e, aínda que gañaron o concurso, apenas tiveron unhas horas de vida. Desde entón non parou de experimentar con pequenas esculturas, e foi en xullo de 2019 cando presentou en Carballo unha obra froito da necesidade artística de expresar un sentimento de frustración interior. Agora, en 2020, presenta outra obra que xa deixou pegada no imaxinario colectivo de Carballo.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica