Carballo a un paso

Compartir:

Volve o Rockin Carballo con oito bandas para facernos vibrar!

O festival contará de novo con dous escenarios con sesión vermú e concerto nocturno con grupos como Power Solo ou Hermanos Cubero: de balde

Rockin Carballo

Cartaz do Rockin Carballo 2018

O festival Rockin' Carballo volve en 2018 para que a vila se transforme na capital galega do rock. Oito bandas farán vibrar a todo o público que se achegue un ano máis á vila o sábado 30 de xuño para gozar coa mellor música rock do panorama galego, español e internacional. Como na anterior edición, a cita divídese en dous escenarios para ampliar a festa dende a sesión vermú ás 13.00 horas no Escenario Palmeira (na contorna da Praza do Concello) e até a madrugada, xa no escenario do Rego da Balsa a partir das 19.30 horas (na contorna da rúa Perú).

Tras o paso por Carballo de bandas como The Trashmen, Chesterfield Kings, Roy Loney, Barrence Whitfield, Sex Museum, Lagartija Nick, ou Dr. Explosion, este ano o festival carballés volve a encherse con auténticos primeiras filas. E, non hai que esquecelo, todas as actuacións son de balde para calquera que queira achegarse e gozar da música durante todo o día.

Escenario Palmeira

Sesión vermú a partir das 13.00 horas no Escenario Palmeira:

  • Los Hermanos Cubero: Enrique coa guitarra, e Roberto coa mandolina, conseguiron darlle unha volta máis ao folclore ibérico. Xotas, seguidillas, romances, dianas, mazurcas e pasarrúas do campo castelán que xuntan coas sonoridades da música rural estadounidense. Inventaron un termo para o seu, cordaineros, e editaron o seu primeiro disco en 2010. As súas xotas bluegrass xa son marca da casa.
  • Cora Sayers: Cora Sayers é o proxecto en solitario que forma a actriz pontevedresa Cora Velasco no verán de 2014. Baixo ese nome grava dous traballos, Orixe (2014) e I'm Home (2016). Actualmente atópase presentando os seus novos temas en castelán, virando por toda a península e Europa. En directo preséntase soa ou acompañada dos seus músicos, Pedro García, Nico Lysergic e Iván Trigo.
  • Knives: O Rockin' sempre quere cederlle espazo ás bandas locais e este ano é a quenda de Knives. A agrupación, de recente creación, darao todo enriba do escenario e ante o seu público cun rock guitarreiro ben cañeiro.

Escenario Rego da Balsa

Power Solo

Concerto nocturno a partir das 19.30 horas no escenario Rego da Balsa. Dende última hora da tarde e até que o corpo aguante:

  • Power Solo: Estes irmáns daneses fixéronse coñecidos grazas ao bo gusto de Jon Spencer ao elixir os seus músicos para Heavy Trash. Tolos polos sons dos 50 e 60, as súas cancións remiten ás recompilacións das Veigas Grind e Nuggets, ao blues, ao rockabilly, ao punk, ou ao rhythm & blues. Todo cabe na música dos Irmáns Railthin, incluso un punto de tolemia que lles achega moita orixinalidade nuns estilos que non son moi dados á mesma.
  • The Unfinished Sympathy: The Unfinished Sympathy empezaron a ensaiar como trío no 2000 e ao ano seguinte empezaron as súas xiras, primeiro por España e despois por Francia, Bélxica e Inglaterra. Na súa estadía en Londres gravaron a súa primeira Peel Session nos estudos da BBC, despois de que o mesmo John Peel en persoa os convidase a facelo. Avida Dollars en 2009, foi o último disco da banda ata agora. 2017 é o ano que viu a súa volta cunha agrupación formada por Eric Fontes, Oriol Casanovas, Joan Colomo e Víctor García.
  • Ezetaerre: Trátase dun grupo de rap combativo e en galego formado polo Garchu (A Coruña), o Pirola (Ourense), a Glitchgirl (Luanco) e o Petrowski (O Porriño). A súa andaina comezou na Facultade de Comunicación Audiovisual da Coruña, onde compartiron estudos, loitas e experiencias no movemento estudantil. A partires de aí sacaron unha maqueta de presentación, o disco Aspiracións mínimas e urxentes, os singles A herdanza do vento e Non é verán de Estrella Damm así como o recente EP 100. E prometen seguir dando guerra.
  • Zënzar: Zënzar é un grupo de rock galego de amplísima traxectoria. Tanto é así que comezaron a súa andaina co nome de Mördor no ano 1987. Despois de moitos altibaixos pero sempre ao pé do canón, contan con máis de dez álbums, tanto de estudo como en vivo. Principian o 2018 con forzas renovadas logo dun pequeno parón, dispostos a engraxar de novo a maquinaria rockeira e xirando o seu último traballo Camiñando entre serpes.
  • Kurt Baker Combo: Este grupo chegará a Carballo co seu novo álbum Let’s Go Wild!, recen saído do forno, nunha mestura de diversión e rock'n roll coas múltiples influencias da banda. Kurt Baker Combo presentou o seu primeiro LP, Moi Mola Live, gravado durante un concerto en Kenosha, Wisconsin, no ano 2015. En 2016 a banda xa publica o seu primeiro álbum de estudo, In Orbit, con dez pezas de puro rock pegadizo. Uns álbums que os levaron de xira por España, Europa e tamén Estados Unidos. Agora, chegan a Carballo nunha xira nacional e internacional de presentación. Como di o título do seu último traballo... ¡Volvámonos tolos!.

Non tendes excusa para non achegarvos a Carballo o 30 de xuño. Marcade ben a data no almanaque. Let's rock'n roll!!!

Aquí tendes o clip do programa Estudio 3 da Radio Galega no que se avanzou en primicia o cartel do festival. E ide escoitando xa as notas de The Unfinished Sympathy!

Rockin Carballo 2018


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader