Carballo a un paso

Compartir:

Carballo vístese de letras e música para a Praza dos Libros!

Nomes como O Carrabouxo, Benigno Campos, Jorge Mira, Donato, Rosalía Fernández ou María Canosa: entre o 21 e o 24 de xullo no Xardín Municipal

Praza dos Libros 2016

Carballo pon un ano máis o traxe das letras, mais tamén da música, dos contos, do lecer ou mesmo da gastronomía, para celebrar a duodécima edición da Praza dos Libros. O humorista gráfico O Carrabouxo, o cociñeiro Benigno Campos, a música de AldaoLado, os autores carballeses Xurxo Chapela e Rosalía Fernández Rial, o ex xogador de fútbol Donato... estes e outros nomes estarán nas casetas do Xardín Municipal para contar e vivir connosco as súas historias, xa veñan en forma de tira animada, poesía, biografía ou mesmo cancións.

A cita, que conta co apoio da Fundación Luís Calvo Sanz, terá lugar entre o xoves 21 e o domingo 24 de xullo, condescontos dun 10 por cento en todos os libros e toda a oferta das librarías Teldy, Brañas Verdes, Trasgo, Roget, Ler, A lus do candil e Couceiro. O horario de apertura é de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas. Ademais, o domingo 24 de xullo, coincidindo coa feira, volve a iniciativa Un libro, un pan, pola que cada persoa que compre un libro na Praza leva de agasallo un pan de Carballo.

Sesión vermú e presenza da Biblio

O domingo a música de Sofía Espiñeira animará o Xardín coa presentación do seu disco Alá onde agroman as herbas

Despois do éxito da edición de 2015, este ano repiten na Praza dos Libros as sesións vermú, con dous protagonistas ben diferentes. O sábado é a quenda do científico Jorge Mira e o seu "vermú científico" para presentar o seu libro A que altura está o ceo?; e o domingo a música de Sofía Espiñeira animará o Xardín coa presentación do seu disco Alá onde agroman as herbas.

Ademais a Biblioteca Rego da Balsa ocupa o posto do Concello na Praza dos Libros, abrindo no mesmo horario que o resto dos stands. Os usuarios e usuarias poderán tomar empréstitos alí mesmo, ademais de que haberá unha actividade-concurso infantil o venres 22 pola mañá sobre a mascota da biblio, Sanxo, con inscrición dende o día anterior e dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos. Por ese motivo, a biblio modifica o seu horario habitual, aínda que estará aberta a San Xoán Bautista.

Rosalía Fernández e Xurxo Chapela

Rosalía Fernández Rial

Rosalía Fernández Rial

A presenza carballesa na Praza dos Libros está este ano cuberta por unha habitual da cita, como é Rosalía Fernández Rial que presenta su nuevo poemario, Contra-acción; e pola estrea dun libro moi esperado, o álbum de recordos Lémbrome, de Xurxo Chapela. Estarán o venres 22 ás 21.00h. e o sábado 23 ás 20.00 h.

E como cada ano, non se esquecen as citas para nenos e nenas, todos os días ás 18.30 h. con contacontos e concertos, ademais da presenza o día da inauguración da Burroteca, con contos infantís cheos de animais durante toda a mañá para espertar a imaxinación dos cativos e cativas que se acheguen ao Xardín.

Se queredes coñecer todas, todas as citas que agocha a Praza dos Libros e non perder nada, só tendes que consultar o programa completo en pdf máis abaixo nesta mesma nova. Boas letras!


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica