Carballo a un paso

Compartir:

"Non mola non ter cartos para facer as cousas, pero é moito máis creativo"

Javi Camino impartirá o obradoiro gratuito sobre webseries que terá lugar en Carballo en marzo

Javi Camino

Javi Camino

Un total de 20 mozos e mozas inscríbironse no obradoiro de webseries gratuíto que este mes de marzo terá lugar en Carballo. Entrevistamos a Javi Camino, o encargado de impartilo, é un dos novos talentos do audiovisual galego e todo un experto niso de, con moi pouco, conseguir moito, como aquela longametraxe, Maldito Bastardo, que fixo durante tres anos no garaxe da casa da súa familia e que percorreu festivais de medio mundo. Co alumnado do obradoiro fará  unha webserie de cinco capítulos sobre o noso concello que se presentará no noso Carballo Interplay, o primeiro festival de webseries do Estado.

-Como vas enfocar o obradoiro?

-Está enfocado cara a que a xente que se apunte logre facer unha webserie de catro episodios ao longo dun mes, que saia de aí cun traballo feito, que se poida ver: en internet, no propio festival e en todas partes.

-Nun mes, facer unha webserie con xente que está aprendendo, non é un reto demasiado alto? Realmente nun mes é posible facelo?


-Si, home, unha webserie pequena, con poucas localizacións, de episodios pequenos, de aproximadamente tres minutos, é factible. Ademais de facela, o interesante é ver como é o proceso de facelo, as limitacións que existen (como o tempo)  e a posta en práctica do exercicio creativo de facelo, de escribir algo que se poida facer nese pouco tempo, que é unha das cousas graciosas do obradoiro.

"Veremos todo o proceso creativo dunha obra audiovisual, dende a elaboración do guión, a preprodución dese guión, a rodaxe, a posprodución, a edición, a montaxe e a difusión"

-Que lles vas ensinar nestas catro semanas?

-Todo o proceso creativo dunha obra audiovisual, dende a elaboración do guión, a preprodución dese guión, a rodaxe, a posprodución, a edición, a montaxe e a difusión.

-Cantos sesións terá o obradoiro?


-As sesións presenciais serán catro, os sábados, pero durante a semana terán que seguir traballando pola súa conta. Por exemplo, o primeiro día abordaranse unhas nocións sobre guión, e ao longo da semana terán que escribir eses guións, que se revisarán na semana seguinte para ver se se poden producir.

-O alumnado vai tamén actuar?


-Se queren, si. Unha vez alí, distribuiremos o traballo. Se alguén quere ser actor, serao. Se a alguén lle interesa máis a parte de cámara, dedicarase á camara.

-É unha das virtudes do traballo audiovisual, o traballo en equipo.

-Si, é unha das virtudes, aínda que ás veces tamén xera problemas, pero pódense resolver. É parte do proceso, e é divertido.

-Impartiras nalgunha outra ocasión algún obradoiro deste tipo?

-Sobre webseries, non. No LAV de Vedra (O Laboratorio Audiovisual de Vedra), que organiza a asociación Senunpeso, fixera un obradoiro de dirección artística low cost, sobre como lograr facer con pouco algo bonito.


-Ti es un exemplo de como, con poucos recursos, elaborar produtos de gran percorrido, como a longametraxe Maldito bastardo, que fixeches no garaxe da casa da túa familia ao longo de tres anos e circulou por festivais de medio mundo.

-Si, como eu nunca tiven un peso, non me quedou outra que traballar con orzamentos moi pequenos, e algo vas aprendendo. Por unha parte, non mola non ter cartos para facer as cousas, pero por outra, tamén é un exercicio divertido porque é moito máis creativo. Tes que buscar a maneira de facelo co que tes. É coma un xogo.

"O segredo é ter ganas de facelo, que che guste, ter un poco de gusto e creatividade, e querer facelo ben, querer sacalo adiante sexa como sexa"

-A falta de recursos agudiza o enxeño…

-Totalmente (risos). E despois, cando ves que sae ben, é un orgullo, máis que se tiveras moitos recursos para facelo, porque o reto é maior.

-Cal é o segredo de facer algo con calidade pero con recursos limitados? Ti como o fas?


-O segredo é ter ganas de facelo, que che guste, ter un poco de gusto e creatividade, e querer facelo ben, querer sacalo adiante sexa como sexa.

-Se o número de persoas inscritas supera o de prazas, haberá unha selección. Que vas ter en conta para facer esa selección?

-A idea é coller á xente que amose un maior interese, e tamén certo gusto polo audiovisual. Mais eu creo que se poderá coller a todo o mundo.

-Magnetova, a túa produtora, tamén vai presentar a súa webserie, "El viudo quiere mimos" no Festival de Carballo?

-Si, tamén se presentará. Ademais, imos sacar agora o noso terceiro capítulo, e está ben que se vexa no festival

-Como creador dunha webserie, cal cres que pode ser o papel que pode xogar un festival deste tipo?

-Creo que é interesante sobre todo para obter unha panorámica xeral de todo o que se está a facer en España, e tamén como punto de encontro, para coñecernos uns a outros, e tamén para coñecer a persoas que se queren introducir no mundo das webseries, como aquelas que se apunten ao obradoiro, e que elas poidan coñecer a xente que xa as está facendo…

-A webserie que se fará no obradoiro será sobre Carballo. Se che din, como creador, que tes que facer unha webserie sobre Carballo, que se che ocorrería?


-Non sei. Iso terano que decidir os alumnos. Creo que Carballo ten moitas posibilidades para facer calquera tipo de historia. É unha vila ou cidade que se presta para todo, tanto para unha historia rural como urbana, e mesmo para un compoñente máis turístico, ao redor dalgunha lenda  ou monumento relacionado con Carballo.

-Pero a ti que che inspiraría como creador?

-A min hai algo que me chama moito a atención de Carballo, a cultura moinante. Iso podería dar xogo con outras cousas.

-O obradoiro vai ser fundamentalmente práctico, nonsi?

-Si, si. Vai ser algo totalmente práctico. Só haberá algo de teoría nas primeiras sesións, para poñer en contexto á xente sobre que tipo de webseries hai, nocións de guións para poder facer algo viable en pouco tempo... Mais despois será todo absolutamente práctico.

-Que camiños abren, para aquelas persoas que queiran traballar no audiovisual, as webseries?


-Para min resultan moi interesantes, porque unha webserie é currículo. Eu teño unha produtora pequena, Magnetova, e moitas veces chéganme currículos. O que che di máis dunha persoa non é cantos títulos ten, senón o que fixo, e ter unha webserie feita é toda unha proba.

-As webseries tamén se caracterizan pola liberdade creativa. O feito de que non haxa unha televisión por atrás que a difunda e a apoie, como acontece coas series televisiva, tamén ten esoutra vantaxe: a liberdade creativa…


-A liberdade é absoluta porque non hai ningún intermediario e, polo tanto, non hai que pasar ese filtro.


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica