Carballo a un paso

Compartir:

Facendo dos muros lenzos

"Pintamos moito" está a transformar en murais varios muros da vila

Mural xunto á piscina municipal Vila de Noia

Xunto á piscina municipal Vila de Noia

Non hai como pintar o mundo de cores para facelo fermoso. Dende  o pasado mes de novembro, varios muros do núcleo urbano de Carballo estanse a transformar en auténticos murais, grazas á iniciativa "Pintamos moito", que organiza a asociación Senda Nova.

Artistas locais, voluntariado e as nenas e os nenos que forman parte do Obradoiro ambiental Sendas Carballo, xunto coa colaboración do Concello e de varias tendas de pintura, están embarcados neste proxecto que pretende embelecer a vila botando man da arte, a imaxinación e as ganas de facer. Despois do parón de Nadal, o sábado, 11 de xaneiro, volveron á acción, pincel en man. Tras limpar os muros e calealos, inician agora a fase máis proveitosa: sobre as paredes xa se comezan a ver as primeiras formas.

Mural na rotonda da Ponte da Pedra

Mural na rotonda da Ponte da Pedra

Os muros están a ser decorados con diversos motivos ligados ao concello de Carballo. O espazo natural Razo-Baldaio, un dos nosos principais atractivos turísticos, protagoniza o da rotonda da Ponte da Pedra. A Ribeira da Pena, un dos bosques de vexetación autóctona máis importantes da Costa da Morte, que se estende entre os límites da parroquia carballesa de Aldemunde e o concello de Cerceda, é o motivo que lle dá vida ao mural situado na rúa Barcelona, unha das máis céntricas da vila.

O Pedibús, iniciativa que, baseada nas propostas do pedagogo italiano Tonucci, pretende recuperar a vila para os nenos e nenas e facer que poidan  ir sós e a pé ás escola, como antano, inspira o mural da Gran Vía, por onde pasa precisamente o traxecto do camiño escolar cara á Escola Fogar. E o deporte e o medioambiente centran a composición que decora un dos muros próximos ao complexo deportivo Vila de Noia.

Mural na rúa Barcelona

Dándolle ánimos ao pintor O´Mighelo, que dirixe este mural

A veciñanza está cada vez  máis entusiasmada coa proposta. De feito, á asociación están a chegar peticións para a pintada de novo muros, así como novas propostas artísticas.

"Estamos pensando xa en máis espazos", sinala o presidente da asociación, José Manuel Menéndez. Se as persoas e as entidades colaboradoras están dispostas, dende Senda Nova están dispostos a continuar co proxecto.

Mural na Gran Vía

Mural na Gran Vía

Dentro de quince días prometen volver. Será unha nova mañá  de sábado pintando unha cidade máis fermosa, baixo a dirección de artistas locais como O´Mighelo, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, Lidia Cambón, Santi Picos, Isa Fernández e Cristina Castro.

Se che gusta, se che parece unha boa idea, se simplemente che apetece desconectar ou se queres deixar a túa pegada inmortalizada nun anaquiño de muro carballés, como se do de Berlín se tratase, só tes que estar pendente da próxima convocatoria, que Senda Nova anunciará a través da súa páxina web e do seu facebook.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica