Carballo a un paso

Compartir:

Ruta sendeirista por Razo e Baldaio

Este domingo, Senda Nova descubriranos os segredos do noso litoral

Facendo esta ruta, o outono pasado

Facendo esta ruta, o outono pasado

Serán ao redor de 14 quilómetros a pé por un dos espazos de maior valor ambiental e paisaxístico do concello de Carballo, o litoral que vai de Razo a Baldaio. É probablemente unha das zonas máis coñecidas e queridas do concello, pero aínda así esta andaina da asociación Senda Nova ha de ensinarche a mirar esta paisaxe con outros ollos, a descubrir cousas nas que antes non repararas: dende o valor xeolóxico da Punta do Chan do Razo e a praia fósil, até a riqueza ambiental das dunas, a marisma, e a lagoa, cun curioso remate, nun castro aínda hoxe en día habitado. Velaí vai, explicado paso a paso.

O inicio, na capela de Santa Mariña

Punta do Chan de Razo

Punta do Chan de Razo

O percorrido iníciase na capela de Santa Mariña, en Razo. No pasado, o día de Santa Mariña, o 18 de xullo, as xentes do campo encomendábanse a esta santa para garantir a fertilidade do seu gando e mesmo botaban bombas de palenque.

Dende Santa Mariña, iremos até a Punta do Chan de Razo, nos límites co concello de Malpica, zona de importante valor paisaxístico e xeolóxico, onde poderás observar como o mar bate e morde na rocha, até ir desgastándoa. Dende aí proseguimos o camiño até a praia, pasando moi pretiño do porto de Razo.

A praia fósil de Razo

Chegando a Razo

Chegando a Razo

Seguramente en máis dunha ocasión tes paseado ou chantado a toalla en Razo ao carón deses acantilados que, no canto de rocha, son de area e cantos.

Aí están, sen que lle deamos maior importancia, pero o conto é que teñen o seu valor, sobre todo xeolóxico: son os restos dunha praia fósil.

O caso é que o areal Razo xa existía no cuaternario, hai milleiros de anos, aínda que antes a praia estaba máis alta, pois por aquel entón, o desxeo dos cascos polares fixo subir o nivel do mar.

Un humidal único

A tranquilidade da xunqueira

A tranquilidade da xunqueira

Coñeceremos de preto ese humidal diverso e variado, un dos máis importantes de Galicia, que é Baldaio e os tres principais ecosistemas que nel conviven: as dunas, a marisma e a lagoa. Comezaremos polas dunas, un cordón de area de varios  quilómetros que une Razo e Baldaio. A elas asomarémonos (sen pisalas, claro está, para non danalas) e coñeceremos como foron formadas e tamén algúns detalles da súa flora e fauna. Seguiremos pola lagoa, a marisma e a xunqueira.

Dinos José Manuel Menéndez, de Senda Nova, que a xunqueira é un dos lugares máis tranquilos do concello É unha zona baixa, onde a penas bate o vento, e onde mesmo o ruído, polas súas características, é absorbido 

Silencio e tranquilidade, só interrompida polos nosos pasos, farán que apreciemos mellor este lugar onde aniñan numerosas aves. Precisamente agora, que imos xa cara ao inverno, están a instalarse aquí moitas especies procedentes do norte de Europa. O mellor lugar para espialas non é este, senón a marisma, onde se alimentan, pero quizais, con sorte, poidamos ver algunha limícola, caracterizadas por ese pico longo e delgado que teñen para escarvar no limo.

Un castro habitado

Deixamos xa atrás a primeira liña de costa e adentrámonos nas parroquias do litoral. Camiñaremos por Rebordelos e adentrarémonos en Lema, onde remataremos o percorrido nun lugar cando menos curioso e, dende logo, de gran fermosura: un castro habitado, o de Santa Mariña de Castrillón.

Na croa do que era o castro, érguese agora unha capela, que foi trasladada no pasado dende o seu emprazamento orixinal, a beiriña da lagoa. É este un fermoso miradoiro natural dende o que observar toda esa zona que acabamos de coñecer a pé, o litoral que vai dende Razo a Baldaio.

Consulta aquí os lugares de inscrición e saída


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader