Desfile do Centro Comercial Aberto de Carballo
Carballo, vila comercial por excelencia da Costa da Morte, sae á pasarela para ensinarnos a moda outono-inverno
Non fai falta que te encorsetes nunha talla 36 ou 38, nin que sexas profesional, e mesmo con 70 anos podes participar. Porque as modelos, os modelos, serán as e os propios clientes das tendas de Carballo. Este sábado 28, ás 21.00 horas, celebrarase o desfile que anualmente organiza o Centro Comercial Aberto, asociación que aglutina a varios comercios da zona, e que nos ensinará as tendencias desta tempada de outono-inverno. Un desfile que non bota man de modelos perfectos, senón da propia xente da rúa, veciños e veciñas de Carballo que lucirán moda para xente coma ti ou coma min.
Carballo sempre foi zona de comercio puxante. Case non hai baixo da nosa vila sen unha tenda ou negocio. Somos a cabeceira comercial da comarca de Bergantiños. "O desfile tenta posicionar a Carballo como o que é, referente a nivel comercial da Costa da Morte", sinala María del Carmen Freire, xerenta do Centro Comercial Aberto.
Carballo: trato próximo e personalizado
"É o noso un comercio familiar, de atención próxima e personalizada, onde aínda importan, e moito, as relacións humanas e o trato estreito entre quen compra e quen vende"
Mostra da puxanza do noso pequeno comercio son as abondosas iniciativas da asociación, como este desfile que vén organizando xa dende hai once edicións, e que nesta ocasión se celebrará ao aire libre, na rúa Alcalde Jacindo Amigo Leira, paralela á céntrica rúa Coruña. Intentarán así evitar problemas de espazo, pois o evento adoita chamar a gran cantidade de público, entre 2.500 e 3.000 persoas na pasada edición, segundo datos publicados na prensa.
O pequeno comercio é un dos grandes atractivos de Carballo. Fai que as nosas rúas teñan unha vida especial, e é un importante motor de puxanza económica e de creación de emprego. Trátase dun comercio familiar, de atención próxima e personalizada, onde aínda importan, e moito, as relacións humanas e o trato estreito entre quen compra e quen vende. Destaca, ademais, pola gran variedade de oferta en sectores relacionados coa moda: infantil, tallas grandes, traxes para vodas e outros eventos, roupa urbana, moda xuvenil… De todo, para todos os gustos e necesidades, e sobre todo, adaptado a ti. Serás, non só un cliente, unha clienta, que compra e paga, senón unha persoa coa que falar e á que atender naquilo que necesita.






