Carballo a un paso

Compartir:

Rivas e Neira Vilas estarán na Praza dos Libros

Se mercas un libro o domingo de feira, levarás de balde un pan de Carballo

Manolo Rivas

Manolo Rivas

Nesta praza non comprarás peixe, nin carne nin froita, pero si bo alimento para o espírito e as horas de lecer.  Na terceira semana de agosto inauguramos a Praza dos Libros, a feira literaria carballesa. Abriremos as súas portas o xoves 22 e  farémolo cunha figura televisiva: a escritora e comunicadora da Costa da Morte, María Canosa. Achégate e poderás atoparte con algún dos escritores galegos máis relevantes, como Xosé Neira Vilas ou Manolo Rivas. E, dende logo, non che faltarán vantaxes por mercar: un 10% de desconto en cada compra e a posibilidade de obter un lote de libros nos sorteos que se farán todos os días entre as persoas que nesa xornada se fixeran cun título.

Se tes algún libro de Rivas ou Neira Vilas achégate porque estarán en Carballo para asinalos. O coñecido escritor de Memorias dun neno labrego, Neira Vilas, presentaranos os seus últimos títulos: Aquel neno, editado por Embora, e Cancela Aberta, publicado por Xerais. E Rivas, que ten unha especial vinculación coa Costa da Morte, promocionará entre nós "As voces baixas".

A mellor música: Mercedes Peón e Uxía

Uxía

Uxía

Mais a Praza dos Libros tamén contará cunha boa banda sonora, a que lle proporcionarán dúas das cantantes galegas máis coñecidas na actualidade, Mercedes Peón e Uxía, e tamén coa artista galego palestina Najla Shami.  Mercedes Peón actuará o venres 23, ás dez da noite, na Praza do Concello, onde nos agasallará cos temas do seu último traballo, Sós.

Uxía  pechará a Praza dos Libros deste ano cun concerto no que nos presentará Rosalía Pequeniña, o libro disco co que pretende darlle a coñecer ao público infantil a figura dunha Rosalía pirata e insubmisa. Najla , pola súa banda, ofreceranos un concerto baseado no libro disco, tamén con poemas de Rosalía de Castro, titulado Na lingua que eu falo.

Caldo de conto

"Rodar i Rodari (Contos do tranvía)"

Porque, se hai un ingrediente que predomine na edición deste ano, este é sen dúbida o conformado polas actividades para as e os máis peques dos nosos fogares. Son varios os espectáculos infantís previstos, como Camiño de historias, de Migallas Teatro, a lectura dramatizada O rei portador e outras historias, Babacontos coa contadora Larraitz ou a sesión de contacontos Rodar i Rodari (Contos do tranvía), que mestura os contos tradicionais, as historias de Gianni Rodari e os monicreques.

Versos de denuncia

Versus Cianuro

Versus Cianuro

Presentarase, na Praza dos Libros, o poemario Versus Cianuro, unha denuncia aceda contra o proxecto de minaría ao aire libre que unha empresa canadense pretende facer en Corcoesto, no corazón das terras bergantiñás, para a extraccion de ouro.

Ademais, poderemos coñecer de primeira an ao grupo poético Versus. Antón Borrazás e Miguel Queipo estarán con nós como artífices do concerto poético musical que nos regalarán o sábado 24. Será un recital cunha escolma de versos e cancións adubiados con acompañamento musical.

Con Xosé Pumar e a historia inédita de Bergantiños

"Viaxe polo corazón de Bergantiños", de Xosé Pumar

Poderemos, ao fin, coñecer un libro que agardabamos dende hai xa uns meses con interese. É o Viaxe polo corazón de Bergantiños, de Xosé Pumar, un home que segue a sorprender, á súa idade, pola súa gran lucidez, pola bagaxe de coñecementos que atesoura e pola súa axilidade intelectual.

Ganas temos de ter entre mans o libro deste crego galeguista, o primeiro presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns e auténtica enciclopedia vivinte, que promete axudarnos a coñecer máis e mellor as terras bergantiñás.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica