Carballo a un paso

Compartir:

Carballo estará en Expocidades: a feira turística de Galicia e o norte de Portugal

A cita ten lugar en Ferrol do 13 ao 15 de maio, contará con 31 expositores e ofrecerá unha degustación do pan, a empanada e o pan de ovo carballeses

12 de maio de 2022 - Carballo colle de novo a maleta para amosar todo o que ten que ofrecer a quen queira visitarnos. Desta volta visitamos a feira Expocidades a Mostra Turística das Cidades do Eixo Atlántico, que este ano se celebra en Ferrol. O obxectivo é seguir aproveitando os mellores escaparates para os nosos recursos turísticos, nun evento no que haberá 16 expositores de municipios e entidades galegas, 11 portuguesas, o Foro Termal do Eixo Atlántico, Turismo do Porto e Norte de Portugal e a Asociación Ibérica de Municipios Ribeiregos do Douro. Expocidades naceu como unha microfeira e como un medio para promocionar o turismo de proximidade. Deste xeito, non só se dan a coñecer os destinos no seu mercado máis próximo, senón que tamén é unha oportunidade para establecer unha relación directa entre produtores turísticos e comercializadores. Este ano terá un papel moi destacado a gastronomía, e na caseta de degustacións gastronómicas que estará instalada na Praza de Armas de Ferrol non faltarán nin o pan nin as empanadas de Carballo, ademais do pan de ovo. As e os visitantes poderán probalo o venres 13 a partir das 13.30 horas.

A Mostra Turística das Cidades do Eixo Atlántico estará aberta dende o venres 13 ata o domingo 15 de maio. No stand de Carballo poderemos atopar todo tipo de material relacionado coas nosas fortalezas turísticas máis consolidadas, como as augas termais, o surf, a gastronomía ou as feiras, pero tamén con outras que nos sitúan no mapa internacional, como o festival de contidos dixitais Carballo Interplay ou o festival de arte pública Rexenera Fest, que celebrará en breve a súa oitava edición. Durante toda a fin de semana poderán visitarse as 31 casetas que estarán instaladas fronte ao Concello de Ferrol. Paralelamente celebrarase a Mostra Musical, un evento que busca recoñecer, promover, premiar e difundir a práctica e afección á música entre a mocidade, tanto en Galicia como no norte de Portugal. Este ano participarán 39 solistas e 8 agrupacións procedentes dunha vintena de municipios. As actuacións terán lugar no Auditorio e no Conservatorio de Música Xan Viaño. O Concello de Ferrol habilitará durante a fin de semana un tren turístico.


Ligazóns

Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica