Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O FIOT premia a traxectoria de 50 anos de Manuel...

Compartir:

O FIOT premia a traxectoria de 50 anos de Manuel Lourenzo

O actor galego, popular nos últimos tempos polo seu papel na serie Fariña, será galardoado na próxima edición do festival co Xograr de Outono

Manuel Lourenzo caracterizado para o seu papel como Terito na serie Fariña

Manuel Lourenzo caracterizado para o seu papel como Terito na serie "Fariña"

Manuel Lourenzo, actor galego cunha traxectoria de máis de 50 anos, será galardoado co Xograr de Outono 2018 na XXVII edición do FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo). A entrega da distinción terá lugar ao longo do próximo mes de outubro. Con este premio o FIOT quere recoñecer a un dos principais referentes do teatro en Galicia: dramaturgo, director, actor, promotor teatral, formador de moitas xeracións de actores... Manuel Lourenzo é unha das persoas imprescindibles para a creación do teatro galego, quen dedicou a súa vida a esta arte. A súa intensa, prolífica, creativa e extensa traxectoria profesional distíngueo especialmente no eido do teatro.

Sendo esencial en Galicia, para o público en Carballo tamén é unha figura emblemática, cunha presenza continua desde as primeiras representacións de teatro galego coas súas diferentes compañías e proxectos e nos últimos anos con CasaHamlet  que ten actuado en moitas ocasións na nosa vila. Tamén é un espectador frecuente do FIOT e hai que destacar así mesmo a súa doazón á Biblioteca Municipal Rego da Balsa dun lote de libros sobre teatro no ano 2014.

Longa e destacada traxectoria

Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, 1943), licenciado polo Institut del Teatre de Barcelona, comezou a súa andadura no mundo profesional do teatro nos anos 60, coa vontade de impulsar un teatro galego propio, enraizado na nosa cultura. Xogou un papel fundamental no impulso das artes escénicas en Galicia, fundando compañías, escolas e proxectos teatrais transcendentais para as nosas artes escénicas, como o Grupo de Teatro O Facho, creado na Coruña xunto con Francisco Pillado; o Grupo de Teatro Circo cun percorrido que desembocará na fundación da Escola Dramática Galega, a Compañía Teatral Luís Seoane, o Clube de Teatro Elsinor ou a escola, revista e actual compañía, Casahamlet, a cal rexenta dende 1998 xunto con Santiago Fernández. A súa vocación educadora converteuno en mestre de moitas xeracións de actores e actrices.

Na súa andaina televisiva, Manuel Lourenzo tamén é lembrado como o Melgacho da serie da TVG Mareas Vivas

Manuel Lourenzo é tamén un piar do teatro pola súa obra escrita sendo autor da novela O Moucho, ou de ensaio como O Teatro Galego; conta tamén con preto de dous centenares de obras dramáticas breves e dunhas 60 obras dramáticas publicadas, dende Romaría ás Covas do Demo (1975), pasando por Veladas indecentes (1996), O circo de medianoite (1997), ou a premiada no 2017 Suite Artabria. Ademais de como dramaturgo, fixo unha importante labor para impulsar o teatro na nosa lingua como tradutor galego de numerosos autores clásicos e contemporáneos do teatro.

Ata o Terito de Fariña

Manuel Lourenzo

Manuel Lourenzo

A maiores de actor de teatro en numerosas producións da súa compañía e noutras, é moi valorado no sector audiovisual, destacando a interpretación de míticos personaxes da televisión como Melgacho en Mareas Vivas (1998), ou máis recentemente Terito en Fariña; tamén ten participado en longametraxes como Urxa (1989), de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal, Entre Bateas (2001) de Jorge Coira ou O lapis do carpinteiro (2002) de Antón Reixa.

Pola súa labor como escritor e director teatral recibiu numerosos premios ao longo da súa prolífica traxectoria. Entre outras, recibe: o Premio Abrente (1978), o Premio Nacional de Literatura Dramática (1997) por Veladas indecentes, o Pedrón de Ouro (2001), o Premio Nacional da Cultura Galega en Artes Escénicas (2008), o Premio Álvaro Cunqueiro dúas veces (con Flores de Dunsinane que tamén recibe o Premio de Teatro AELG e con Suite Artabra en 2017), o Maruxa Villanueva ou o Otero Pedrayo. Ademais foi nomeado profesor Honoris Causa pola ESAD, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Xurado

O xurado do premio considera que reúne os méritos que definen e que se pretende destacar co galardón Xograr de Outono do FIOT, un profesional polifacético, comprometido coa cultura e o teatro galego, transcendental para a o seu nacemento e consolidación, cuxa enorme paixón o levou a ser todo no teatro en Galicia.

A elección do galardoado foi adoptada na reunión anual de Xograres e Xograresas do Outono de Teatro que se celebrou hai unhas semanas en Santiago, ao que asistiron os Xograres de Outono anteriormente galardoados: Artur Trillo, Quico Cadaval, Marcelino de Santiago "Kukas", Eduardo Rodríguez “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira e Mónica Camaño (desculpando a súa asistencia Celso Parada, Víctor Mosqueira, Cándido Pazó e Paula Carballeira), xunto con membros da organización do Festival: Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte; Antón Guitoi, secretario da entidade; e Carmen Castro, técnico de Cultura do Concello de Carballo.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica