Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Carballo 007: en zona de espías

Compartir:

Carballo 007: en zona de espías

Si, si, o que escoitades. Carballo foi zona de espías, e das importantes, ademais. E todo por culpa dun mineral que se daba en abundancia no Monte Neme, o wolframio.

Bocamina da explotación de wolframio

Bocamina da explotación de wolframio

O exército alemán precisaba do wolframio para reforzar o seu armamento e facíase con el en minas como a de Varilongo, en Santa Comba, ou o noso cume máis alto, o Monte Neme. Como España era en teoría neutral na II Guerra Mundial, o que fixeron foi controlar con capital xermano empresas de titularidade española. Tal chegou a ser a relevancia deste material para as filas nazis que, a principios dos corenta, Estados Unidos embargou a España sen petróleo. Foi a época dos coches de gasóxeno, curiosos vehículos que funcionan a base de leña ou carbón.

Todo isto aprendémolo, non nos libros, senón escoitando a historia que nos chegaba dende o monte que estabamos a pisar, de man de bos coñecedores da zona como o mestre Evaristo Domínguez Rial. Foi o último domingo do mes de novembro dun 2014 xa case agónico. Da man da asociación ambiental Senda Nova subimos ao cume do Monte Neme e puidemos coñecer os restos da antiga explotación de wolframio. Foi emocionante escoitar o que nos narrou unha das nosas compañeiras sendeiristas que traballara na mina de pequena. Un familiar seu morreu abatido pola garda civil cando ía á "roubeta".

Os espías ingleses que entón pululaban por aquí fomentaban a roubeta,  é dicir, pagaban a quen se atreveía a roubar wolfram da mina, ás agochadas dos alemáns. Ao parecer, os ingleses non o querían para nada, así que moito dese mineral remataba nos fondos do mar. Pero volvamos á historia do home asasinado pola garda civil, porque non ten desperdicio. Detiveron aos dous homes que con el ían e fixéronlles asinar un papel en branco, no que logo se lles atribuiría a morte do compañeiro. Foron bater cos seus ósos no cárcere por un crime que non cometeran,  mais aos quince días deixáronos libres.

Ir de "roubeta"

Nestas casetas estaban as oficinas da mina

Nestas casetas estaban as oficinas da mina

Dinos emocionada a muller que nos conta esta historia ao pé da bocamina que se ve na foto que nin sequera lles deixaban coller o wolfram das escombreiras, aquel que se desbotaba tralo proceso de selección.  Por aí pululan outras historias, non d@s que sufriron o wolframio, senón daquelas persoas que se fixeron ricas á súa conta, que mesmo, se di, chegaban a fumar en billetes de 1000 pesetas daqueles anos 40 cando se quedaban sen tabaco. Houbo quen, cun pedroulo que atopou de wolfram, tivo suficiente diñeiro para montar un negocio mecánico.

O caso é que a historia do wolfram tamén está asociada á da xente con poder na vila. O médico Pedro Abelenda foi quen descubriu a existencia de wolframio na mina, e fíxose rico á súa conta. A mina tamén chegaría estar en mans de Jacinto Leira Amigo, popularmente coñecido como "Chinto", durante anos alcalde de Carballo. Construíu un fermoso chalé fronte ao xardín municipal e preto da Igrexa parroquial que logo, no fervor urbanístico que tantos estragos causou na vila, sería destruído.

E vos, coñecedes algún conto de "roubetas", "wolframio" e "espías"? Se é así, contádenola, para que poidamos facer a nosa peculiar historia far west.


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica