Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O mago Cayetano Lledó

Compartir:

O mago Cayetano Lledó

O mago Cayetano Lledó

O mago Cayetano Lledó

Cayetano Lledó é mago, pero non só. Interpreta, fai malabares e, sobre todo, ilusiona e fai rir. Nesta entrevista descúbrenos algún dos principais ingredientes do espectáculo que traerá este venres, 9 de agosto, a Carballo. Aínda que, por suposto, non nos revela o truco que emprega para facer esa mestura máxica coa que nos sorprenderá. Porque, como di a frase de Luis Buñuel que nos recorda cando intentamos collelo nun renuncio para que nos desvele algunha das súas receitas máxicas, "cando se tropeza co misterio, debes repectalo".

-Estiveches algunha outra vez en Carballo?

-É a segunda vez que actúo en Carballo, hai cousa dun par de anos, no nadal, no Pazo da Cultura.

-¿E que tal conectaches entón co público de Carballo?

-Moi ben, e creo que foi algo mutuo. Creo que é un público bastante formado no ámbito das artes escénicas, con hábito de ir ao teatro, moi educado e correcto.

-Con que nos vas sorprender?

-É un espectáculo na liña do que adoito facer. Interpreto a un presentador que viaxa polo mundo e que, á súa vez, interpreta a artistas de distintos países. Disfrázase de personaxes de todo o mundo: un mago chino, un mago hindú, Groucho Marx, a muller barbuda…

Maxia, clown, humor

O mago Cayetano Lledó en escea

O mago Cayetano Lledó en escea

- O presentador vese obrigado a interpretar distintos personaxes porque descobre que os artistas que ían participar no espectáculo dimitiron por mor da crise. Que parte dese argumento é certo na situación actual das e dos artistas que vivides do mundo da maxia en Galicia?

-Claramente está inspirado en todo iso. A crise dálle sentido ao argumento para que a xente o relacione co contexto actual. Pero hai tamén outro motivo para ese argumento. Hai anos, cando comecei, non tiña suficiente material para facer un espectáculo só de mimo, ou só de malabares… Así que decidín mesturas disciplinas. A cousa gustou. En realidade, estaba adoptando a estrutura dun espectáculo de variedades de toda a vida. Un espectáculo só de maxia, ou de malabares, pode aburrir. Esta é unha obra de teatro onde hai maxia e variedades.

-Fas maxia, interpretas, tamén traballas con malabarismos… Cal destes ingredientes predomina?


-A interpretación está todo o tempo funcionando. Nunca son eu senón diversos personaxes en escena. Todos os personaxes están interpretados por min e moitos deles fan maxia ou mesturan a maxia con outras disciplinas, como os malabares. O clown é tamén moi importante. No espectáculo, hai clown, maxia…, todas as disciplinas mesturadas.

-Sacarlle o riso á xente é pois un dos obxectivos principais do teu espectáculo, nonsi?

-Si, absolutamente. Un dos obxectivos principais é arrincarlle o riso á xente. John Calvert, un mago de 102 anos que aínda está en activo, di que , para un mago que está empezando, máis importante que sorprender é facer pasar un momento agradable. Gústame moito esa frase que di que "un mago é un actor que fai de mago". Eu fago esa máxima propia até o punto de estar todo o tempo interpretando o que fago.


A arte de soprender

"Trato que o público sinta esa felicidade, esa sorpresa, que sentín eu a primeira vez que me fixeron un xogo de maxia"

-Es presidente da Asociación de Magos Profesionais de Galicia. Faivos falta moita maxia para que se faga caso das vosas demandas?

-Este é un mal momento para todos porque os recortes en cultura son algo salvaxe. E semella que a xente entendera que están xustificados porque a cultura está en segundo plano. Eu creo que, se non pode faltar o pan, tampouco pode faltar a cultura. Seguimos loitando para que os públicos poidan gozar de bos espectáculos.

-Como está a situación do mundo da maxia en Galicia?

Nos últimos anos proliferou moito o mundo da maxia en Galicia, o que hai que agradecer ao apoio público que tivo en anos pasados. O mago Antón profesionalizou a moitos magos en Galicia, creouse a asociación… Hoxe en día, hai máis amantes da maxia e máis xente nos clubs de afeccionados de maxia.

-E a maxia, existe?


-A maxia existe pero, para que exista, hai que crer nela.

-Gústache máis facer maxia ou sorprenderte coa maxia que fan outras persoas?

-A medida que tes máis coñecementos, é máis difícil sorprenderte. Sacrificas esa capacidade de sorpresa por conseguir soprender ao público. O que trato cun xogo de maxia é que o público sinta esa felicidade, esa sorpresa, que sentín eu a primeira vez que me fixeron un xogo de maxia.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica