Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da semana

Compartir:

Axenda da semana

Maxia, olería, cine, banda deseñada e aínda máis...

Esta está a ser unha semana do máis variado en Carballo e nos concellos da súa contorna: en Buño, Mostra de Olería; en Cabana, ruta nocturna con Jorge Mira para aprender máis sobre as estrelas; semana da banda deseñada na Coruña; cine futurista en Corcubión e, en Carballo, curso de cartografía e sesión de maxia.

Mostra da Olería en Buño

Olería de Buño

Olería de Buño

Esta semana, Buño vira capital da artesanía galega. Vén completiña a axenda da Mostra de Olería de Buño, que este ano reúne a quince artesáns e artesás e conta con dez stands de venta. O martes, 6, ás cinco da tarde, hai concurso de modelado e xogos para as e os cativos da casa. O mércores, teatro: "Os Sete Magníficos e Máis Un. A Historia de Brancafror". O xoves, malabares e humor con "Isla LeTrisca" e o venres, exhibición de música e danza tradiciónal da asociación cultural Carcaxía.

Ademais, todos os días, obradoiro de barro para nenos e nenas de cinco a oito da tarde, música e danza tradicional a partir das sete e exposicións.  Ademais, terás aberto o ecomuseo do Forno do Forte de once a dúas e de cinco a nove da tarde.

Banda deseñada na Coruña

Cartel de Viñetas dende o Atlántico

Cartel de Viñetas dende o Atlántico

Se es fan da banda deseñada, non te perdas o "Viñetas dende o Atlántico", o veterano salón de banda deseñada que todos os agostos se organiza na Coruña. No Kiosco Alfonso estarán as exposicións dos dous artistas estranxeiros invitados este ano, os franceses Baru e Frank Le Gall, e tamén as de Enrique Fernández, Susanna Martín, e Fausto Isorna. En Palexco poden visitarse os orixinais de Max y David Aja e na sala de exposiciones de  María Pita, unha dobre mostra cos debuxos de Jan, o senlleiro viñetista autor de Pulgarcito e Superlópez.

Semana de cine

Ice Age 4

Ice Age 4

Prosegue o ciclo de cine ao aire libre en Carballo. O martes 6 proxéctase Ice Age 4 en Ardaña, na Escola de Gontade. O mércores, Men in Black 3, na praza da Milagrosa, en Carballo, e o xoves ¡Rompe Ralph", na Brea. As sesións comezarán ás dez da noite.

Se che gusta o cine futurista, aconsellámosche pasarte por Corcubión. Proxectaranse, ao longo de todo o mes, e na capela do Pilar, un total de sete filmes míticos do xénero. Este xoves, 8 de agosto, a noite estará dedicada a Black Mirror, a partir das 22.30 h.

Maxia e cartografía en Carballo

O mago Cayetano Lledó

O mago Cayetano Lledó

Este será un venres máxico en Carballo. Cayetano Lledó encargarase de que así sexa, co seu "Very, very Big International Magic Show". O mago encontrarase cunha dificultade non menor. Pouco antes de saír ao escenario atópase con que todos os artistas que ían participar no seu show dimiten por mor da crise. Así que será el mesmo quen teña que sacar as castañas do lume disfrazándose de diversos personaxes. Unha mestura de música, danza, mentalismo e malabarismos para todas as idades. A partir das oito e media da noite, na Praza do Concello.

Gústache coller a mochila e botarte ao monte? O teu é camiñar? Pois seguro que che ha de ser de proveito o curso de cartografía e orientación que a asociación Senda Nova organiza no Pazo da Cultura de Carballo, do 7 ao 10 de agosto. As aulas serán de sete a nove da tarde, e o sábado, de dez a dúas do mediodía. A inscrición custa cinco euros, aínda que será de balde para as persoas que sexan socias.

Ruta das Estrelas en Cabana

Estrelas no firmamento

Estrelas no firmamento

Promete isto de camiñar baixo o manto estrelado de agosto. En Cabana, terá lugar o venres noite a Ruta das Estrelas. Baixo a guía do físico e presentador de televisión, Jorge Mira, teremos oportunidade de aprender máis sobre astronomía. Será unha ruta circular de sete quilómetros. A saída está prevista para as dez da noite no aparcamento de Castro A Cidá de Borneiro. A observación das estrelas farase dende o Mirador de A Fernandiña.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica