Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A galega Lula Goce, primeira confirmación do...

Compartir:

A galega Lula Goce, primeira confirmación do Rexenera Fest

O festival de arte pública, que será do 23 de maio ao 3 de xuño, abre boca cunha artista que ten moito que contar nos nosos muros

Obra Medianeras Vivas, en Valencia

Obra Medianeras Vivas, en Valencia

A galega Lula Goce é xa a primeira confirmación para o festival de arte pública de Carballo, o Rexenera Fest. Nacida en Baiona e licenciada en Belas Artes, ten deixado a súa pegada artística en paredes de Alemaña, Italia ou Irlanda; pero tamén moi preto do seu lugar de nacemento, Baiona, con traballos en Vigo, Santiago ou Cambados; e, por suposto, noutros puntos de España como Murcia ou Valencia. Do 23 de maio ao 3 de xuño será a encargada de rescatar unha medianeira, un recuncho, unha rúa, un barrio carballés grazas ao seu talento.

Licenciada en Belas Artes, ten participado en festivais, eventos artísticos ou exposicións por todo o globo

A traxectoria de Lula Goce, como ela mesma conta, comezou en Salamanca, onde se licenciou en Belas Artes na especialidade de pintura. Tamén estudou Deseño Gráfico na BAU de Barcelona e Ilustración na Escola de la Dona. Conta cun Máster de Creación Artística e cursos de Doctorado na UB, ademais de multitude de cursos e monográficos en centros de produción artística como Hangar. Ten participado en festivais de arte, eventos artísticos e exposicións, colectivas e individuais, en España, Europa, Norteamérica e Latinoamérica. Tamén conta con intervencións en centros de arte como a Casa das Cunchas en Salamanca, Matadoiro en Madrid, o Centro de Arte Santa Mónica en Barcelona, no CCCB tamén en Barcelona ou o Museo Diego Rivera en Guanajuato, México.

Economía de medios e crítica social

Obra Trees, nunha escaleira en MERCADot de Vigo

Obra Trees, nunha escaleira en MERCADot de Vigo

Na actualidade Lula Goce fusiona diferentes disciplinas dentro do campo do debuxo, a instalación e intervención de espazos con elementos mínimos. Caracterízase pola economía de medios e o uso da liña sobre os fondos brancos, case asépticos. Nas súas últimas obras profundiza cada vez máis no íntimo, e de aí achégase ao global do individuo, ás veces cunha certa carga satírica, outras en clave de humor, pero sempre tendo como transfondo unha crítica cara á sociedade de consumo e a identidade que xera cada individuo dentro de dita sociedade.

Así que, xa sabedes, ademáis de que seguro que deixará unha fermosa pegada nos muros carballeses, Lula Goce tamén convida á reflexión. Tendes curiosidade por saber onde vai pintar? Irémolo dicindo en próximos días...

Mentres, podedes ver algúns dos seus traballos nesta mesma nova.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader