Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Mina, Lola, Raquel... de visita en Carballo con...

Compartir:

Mina, Lola, Raquel... de visita en Carballo con Café Quijano o 24 de xuño

A banda de león convértese nunha das actuacións estelares das festas de San Xoán para encher de ritmo, boleros e grandes éxitos a Praza do Concello

Café Quijano

O trío leonés Café Quijano

Tendes plans para o 24 de xuño? Se os tiñades, podedes pensar en cancelalos, porque tendes unha cita en Carballo con Café Quijano. O trío leonés convértese en protagonista das Festas de San Xoán na vila nunha xira que coincide co 20 aniversario da súa estrea discográfica en 1998. Só un ano despois, os irmáns Manuel, Óscar e Raúl saltaron á fama con La Lola, canción coa que acadaron o número 1 en máis de 30 países. Logo dunha excelente traxectoria discográfica, con oito discos no mercado e máis de dous millóns e medio de copias vendidas, Café Quijano chegan a Carballo dispostos a conquistar ao público de todas as xeracións cun espectáculo de dúas horas de duración, no que amosarán o mellor da historia viva do pop latino xunto aos seus grandes éxitos do momento, Perdonarme e Mina.

Este ano serán tres os artistas no escenario da Praza do Concello nun dos días grandes das Festas de San Xoán

Coma sempre en festas, a Praza do Concello será a encargada de acoller de balde esta actuación, un dos grandes espectáculos que nos agardan durante todo o mes de xuño e que se irán desvelando nas vindeiras semanas. Entre as sorpresas, hai que mencionar que este ano non será un, senón tres os artistas que se suban ao escenario da Praza do Concello nun dos días grandes das festas.

Novos temas e cancións de sempre

Café Quijano

Nun dos seus concertos

Café Quijano presentarán os seus últimos hits, dous sinxelos dun novo traballo que pronto verá a luz; pero o trío leonés tamén paseará sobre o escenario cancións de sempre como Nada de nada, Llaves de Raquel, La Lola, Tequila ou Desde Brasil, e os seus temas máis actuais, pasando por algúns dos máis aclamados boleros entre os que non faltarán Me enamoras con todo ou Robarle tiempo al tiempo, pertencentes á triloxía Orígenes: El bolero, coa que foron merecedores de varias nominacións aos Premios Grammy Latinos. Música para cantar e bailar sen parar e ir quecendo motores para as verbenas do verán.

Durante os seus 20 anos de carreira, a banda Café Quijano teñen acadado a consideración do público a nivel mundial, converténdose nun dos máximos expoñentes do pop-rock latino ata que en 2004 decidiron afrontar novos retos en solitario. Porén, hai oito anos os irmáns Quijano volveron para quedarse da man dos boleros e agora chegan a Carballo para animar, e moito, a todo o público que se congregue na Praza do Concello. Convidamos a todos os fans ou a quen queiran simplemente a pasar un bo rato, que se acheguen a Carballo o 24 de xuño!!!

Mentres, podedes ir movendo os pés e animar o día: Mina, que bueno que aparezcas en mi vida / Después un falso amor y una mentira / Después de haber vivido de las migas...


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica