Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Empezamos febreiro cunha axenda invadida polo Entroido, cunha chea de bailes e disfraces até o martes 9 de febreiro

VENRES

Unha das imaxes da mostra de Aula K

Unha das imaxes da mostra de Aula K

Inauguración da exposición "Vermello".  Andar -1 do Pazo da Cultura. 20.30 h. Chega a Carballo a exposición "Vermello", unha mostra fotográfica do Colectivo Aula K. Trátase dunha asociación con sede na Coruña cunha traxectoria de máis de 20 anos a prol da divulgación e da ensinanza da fotografía e o audiovisual que, con esta exposición, pretende mostrar unha serie de instantáneas que nacen na procura da cor que lle dá nome. Esta actividade está enmarcada na programación de Venres Culturais 2016. Entrada libre.

Concerto con Kostra da Morte. Sala A Reserva. 23.30 h. Unha fin de semana máis atoparedes unha variada oferta musical na Sala A Reserva. A banda Kostra da Morte sube ao escenario para ofrecer aos asistentes unha noite de punk. “O punk non morreu, Fraga si”, é o lema do cartel anunciador da cita. Entrada libre.

SÁBADO

Festa de Entroido no Local Social de San Cristovo. 20.00 h. A Asociación Cultural San Cristovo organiza no Local Social unha Festa de Entroido infantil e para adultos que inclúe a degustación de dóces de Entroido, un concurso de disfraces, a actuación do Dúo Diamante e un sorteo de cestas de produtos típicos de Entroido. Entrada libre.

Festa de Entroido no Local Social de Berdillo. 20.00 h. A Comisión de Festas San Lorenzo, a Asociación de Veciños San Lorenzo, a Asociación Cultural e Xuvenil Arume, a AUDP de Berdillo, a Sociedade Deportiva San Lorenzo, o Club de Veteranos San Lorenzo e o Consello Parroquial de Berdillo organizan un Baile de Entroido no Local Social de Berdillo. Entrada libre.

DOMINGO

Unha das carrozas do Concurso de 2015

Unha das carrozas do Concurso de 2015

Actuación da Charanga QuePasa. A partir das 17.00 h. A Charanga QuePasa percorre as rúas de Carballo, así como a Praza do Concello, como animación do Entroido  e acompañará tamén aos participantes no Concurso e Desfile de disfraces comparsas e carrozas durante os seus percorridos.

Concurso e Desfile de disfraces, comparsas e carrozas de Entroido. Praza do Concello. 18.00 h. O centro carballés acolle un ano máis a  celebración do Concurso e Desfile de disfraces, comparsas e carrozas de Entroido que reparte máis de 7.000 euros entre premios e subvencións. Este ano o palco volverá a estar no seu emprazamento habitual na rúa Colón. A cita é a partir das 18.00 horas e o presentador do Concurso será Oswalgo Digón, humorista que xa visitou Carballo na Rúa dos Contos da pasada edición do FIOT sementando gargalladas entre o público do Patacón. Este ano, se as condicións meteorolóxicas son adversas, a organización espera que o maior tamaño da carpa da Praza permita que a cita se desenvolva na rúa. Entrada libre.

Baile de disfraces coa Orquestra Trébol . Praza do Concello. 20.30 h. Despois da celebración do Concurso de Entroido a carpa da Praza acolle un baile de disfraces que contará coa actuación da música en directo da Orquestra Trébol.  Durante o transcorrer do baile farase entrega dos premios do Concurso de disfraces, comparsas e carrozas de Entroido celebrado previamente, aínda que os concursantes poderán combater os nervios da espera con boa música. Entrada libre.

LUNS

Baile do Casino en anos anteriores

Baile do Casino en anos anteriores (Foto La Voz)

Baile infantil e Cea Baile de Entroido. Casino de Carballo. 17.30 h. A Asociación Recreativa Bergantiños organiza para os socios e socias do Casino de Carballo un Baile infantil de Entroido para cativos e cativas e unha Cea Baile para adultos. As citas son ás 17.30 e ás 00.30 horas, respectivamente. Haberá unha actuación musical en directo ao longo da xornada. Entrada unicamente para socios e socias da entidade.

Festa de Entroido no Local Social de Sísamo. 20.00 h. A Asociación de Veciños Santiago Apóstolo de Sísamo organiza para os seus socios e socias unha Festa de Entroido no Local Social da parroquia. A cita inclúe un concurso de dóces de Entroido e un concurso de disfraces infantil e para adultos. Ademais, a xornada estará amenizada cunha actuación musical. Entrada unicamente para socios e socias da entidade.

Verbena de Entroido. Sala A Reserva. 23.00 h. Para seguir festexando o Entroido e xa que este ano o martes é festivo local, a Sala A Reserva organiza unha verbena de disfraces coa actuación do dúo “As gemelas do Luar”. Entrada libre.

MARTES

Enterro da Sardiña

Enterro da Sardiña (Foto La Voz)

Festa e baile de disfraces para a terceira idade. Pazo da Cultura. 18.00 h. A Concellaría de Terceira Idade que dirixe María del Carmen Regueira Baldomir organiza unha Festa e baile de disfraces para a Terceira Idade coa actuación do Dúo da Festa. Entrada libre.

Peche do Entroido 2016 coa comitiva do Enterro da Sardiña. Saída dende a Praza do Concello. 21.00 h. Carballo despide o Entroido cunha comitiva fúnebre que porta o féretro da sarfiña ata o Parque do Anllóns. Os dez primeiros grupos que participen na actividade como integrantes do Enterro recibirán unha subvención do Concello. A cita estará animada pola Aula de Teatro Municipal de Carballo, o Coro Vagalume Animación e Cruz Vermella Carballo. As inscricións, ademais de previamente, poden realizarse o mesmo 9 de febreiro de 20.00 a 21.00 horas na Casa do Concello. Durante toda a tarde haberá ademais animación de Entroido nas rúas coa Charanga QuePasa. Asistencia libre.

VENRES, SÁBADO, DOMINGO, LUNS E MARTES

Cadro de Emi de las Heras en

Cadro de Emi de las Heras en "Miradas 4"

Exposición "Miradas 4”. 3º andar do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. A sala de exposicións Alberto Gende situada na baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura de Carballo acolle até o 18 de febreiro a mostra "Miradas 4", unha escolma do traballo dun total de 31 creadores e creadoras vinculados a Muxía e a Carballo coa que se pretende dar a coñecer os traballos que están a desenvolver. A mostra, incluída no programa dos Venres Culturais 2016, conta coas obras de 31 artistas entre os que figuran moitos da Asociación Crea Formas Artísticas. Entrada libre.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica