Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Estamos en decembro, pero en Carballo aínda resoan as últimas notas do Novembro con Música; ademais, temos padel solidario durante toda a finde!

VENRES

Sexy Zebras

Concerto de The Cerne. Cervexaría Beos. 23.30 h. A banda The Cerne actúa de novo despois do seu paso polo Live in Cances cun repertorio de rock dos anos 70 e 80 con temas de Janis Joplin, Pink Floyd, Creedence Clearwater Revival, 4 Non Blondes, Guns n' Roses, Tina Turner, Rosendo, Dire Straits, Free, Hinder, Loquillo, Joe Cocker ou Bob Dylan entre outros moitos. Boa música en boa compaña. Non perdas a oportunidade de tomar algo acompañado do mellor sonido en directo. Entrada de balde.

Concerto de Sexy Zebras. Dublín Rock Café. 23.45 h. Carballo vístese de música para comezar con forzas a ponte da Constitución con unha das bandas emerxentes que máis está pegando no panorama do rock español. Sexy Zebras naceu en Madrid en 2005 e os seus integrantes son: Gabriel Montes (vocalista principal e baixista), Jose Lúa (guitarrista e vocalista) e Samuel Torío (baterista e coros). Despois do seu traballo “Volvamos a la selva”, comezaron a ser tidos en conta dentro do mundillo en parte tamén grazas ás súas letras claras e reivindicativas. Agora presentan na Dublín o seu último traballo “Hola,somos los putos Sexy Zebras” (2015), co que levan xa algún tempo de xira e que mesmo os levou por México e os fará actuar no Tribeca Winter Sound de León os días 18 e 19 de decembro. Non perdades a oportunidade de velos agora en Carballo! Entrada 5 €.

SÁBADO

Galinké

O grupo Galinké actúa a prol de Mama Limbo Djembe

NCM. Concerto da Banda Municipal de Música. Pazo da Cultura. 21.00 h. O Novembro con Música 2015 remata coa actuación da Banda Municipal de Carballo, que ofrece o seu tradicional concerto de Santa Cecilia. Esta formación, dirixida por Vicente Pérez Planells, amosaranos un repertorio integrado por temas típicos para banda como pasodobres, pero tamén con temas tradicionais galegos arranxados para banda, canción española e outras composicións de estilo máis clásico. Non perdades a oportunidade de ver o labor do alumnado do Conservatorio baixo a batuta do seu experimentado director. Entrada de balde.

Concerto Guns n’ Roses vs Judas Priest. Sala A Reserva. 22.00 h. Nunha intensa fin de semana musical, o rock invade Carballo cun electrizante enfrontamento entre grupos tributo. Rocket King, que homenaxean a Guns n’ Roses, compiten contra Judas Resurrection, que fan o mesmo con Judas Priest. Boa música asegurada grazas ás cancións máis coñecidas de dous grupos míticos na Reserva. Entrada anticipada en www.entradium.com 5€. En taquilla, 7 €.

Festival solidario de percusión e danza africana. Dublín Rock Café. 23.30 h. Achégase o Nadal e coas festas tamén se multiplican as causas solidarias, neste caso a prol do proxecto Mama Limbo Djembe, un festival que se desenvolve en Gambia e no que se loita polo estudo e promoción da cultura tradicional deste país. A cita, organizada pola asociación cultural Foliada Galega de Carballo, Galinké de Santiago e Casa da Leiteira de Arteixo, inclúe a actuación conxunta dos grupos Galinké e Perfusión, e a presenza de Pa Bojang "Rasta" Mestre percusionista de Gambia. Danza e música do oeste africano mesturada con elementos da cultura galega nun espectáculo para todos os públicos. Entrada 3€, destinados a fins solidarios.

VENRES, SÁBADO E DOMINGO

3D3 Padel

As instalacións de 3D3 Padel están na rúa Cobre do Polígono de Bértoa

Torneo solidario de Padel Concello de Carballo. Instalacións 3D3 Padel no Parque Empresarial de Bértoa. A partir das 18.00 h. e de 9.00 a 23.00 h. Por se aínda temos folgos despois de tanta boa música, se queredes pasalo ben practicando deporte ou simplemente mirando como xogan os demais, tendes unha cita entre o 4 e o 13 de decembro co Torneo solidario de Padel Concello de Carballo. Máis de cen parellas de toda Galicia únense para axudar á asociación Asanog, unha entidade sen ánimo de lucro creada en 2012 para contribuír ao mellor estado dos nenos e nenas enfermos de cancro e das súas familias durante a doenza. Podedes axudar de varias formas, comprando rifas a 1€ para o sorteo solidario que se realizará ao remate do torneo; con doazóns directas nunha urna que estará dispoñible nas instalación de 3D3 Padel; ou con contribucións directas no web de Asanog. Non tendes escusa! Rifas solidarias a 1€.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica