Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Esta será finde de feira en Carballo, e as tendas estarán o domingo abertas de par en par. Ademais, concertos, verbenas, e actividades en contacto coa natureza.

IGMIG en concerto e festas en Ardaña

A finde comeza en Carballo con música. O venres, na Sala A Reserva, actúa unha banda de nova creación que fai do electropunk o seu selo distintivo. Son os IGMIG, un grupo de estudantes de Belas Artes que procuran levar aos escenarios a súa peculiar concepción de artista, mesturando rock progresivo, punk, electrónica e mesmo folk, con momentos de comedia vía performance. O comezo do concerto está previsto para as once da noite. As entradas participarán no sorteo dun instrumento feito por Paoson Guitarras. E, ao día seguinte, na Sala Dublín, poderedes escoitar a dúas bandas locais, Dude, a partir das dez e media,  e The Killer Cats, unha hora despois.

Quen se decante máis polo verbeneo, nesta finde aínda terá posibilidade de gozar da música ao aire libre. Son festas na parroquia de Ardaña e, para celebralo, estará  a orquestra Ismael, o sábado, xunto dunha discoteca móvil, e o trío Nostalgias, o domingo. A tarde desta última xornada estará dedicada ás e aos peques da casa, pois haberá xogos infantís, con carpa, a partir das cinco e media tarde.

En contacto coa natureza

Quen prefira o contacto coa natureza ten onde escoller o domingo.  Por unha banda, a iniciativa de limpeza simultánea de ríos na que colabora Senda Nova xunto coa asociación ecoloxista ADEGA. Comezará ás 10.30 da mañá no lugar da Brea, nas aforas de Carballo, no inicio da Ruta das Férvedas. Será preciso levar luvas, un pau longo con punta e, a ser posible, botas de auga. Por outra, a terceira etapa do Camiño dos Faros, de Ponteceso a Laxe, algo máis de 25 quilómetros de ruta sendeirista pola Costa da Morte. A quedada será ás 9.00h. no bar Mareira, en Laxe. Dende alí, un bus levará ás e aos participantes até o punto de partida. A actividade é de balde. Só cómpre  pagar o bus.

Domingo de feira e cultura

Vendendo fabas na feira de Carballo

Vendendo fabas na feira de Carballo

Ás e aos afeccionados á pintura de seguro lles ha de prestar a rota Lugrís, que terá lugar en Malpica, en homenaxe a este creador tan vinculado con Malpica e cos imaxinarios mariños. A iniciativa, pensada como un percorrido tras os pasos do pintor pola vila, reunirá a poetas, músic@s e artistas, e coincidirá co aniversario da inauguración da Casa do Pescador, que será, precisamente, o punto de partida desta ruta, ás doce da mañá. Haberá, ao longo da xornada, actuacións musicais, recitais poéticos, e charlas sobre o mar, os naufraxios. e o propio Lugrís.

E, coma todos os últimos domingos de mes, non esquezas que este será, en Carballo, domingo de feira, un bo día para ir de shopping e recuperar forzas, ao final da mañá, cuns bos viños ou coa típica tapa de callos.  Se tes ganas de encher a despensa con produtos de tempada do campo, de mercar un bo peixe na praza, ir de tendas, ou mesmo de  mercadiño, o teu sitio estará este día na capital bergantiñá.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica