Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Máis de 50 stands participan na Feira...

Compartir:

Máis de 50 stands participan na Feira Multisectorial do barrio da Milagrosa

Dende o venres ao domingo, o barrio da Milagrosa acolle unha feira multisectorial. Promete variedade e bos prezos

Carballo amosa máis unha vez o seu pulo comercial. Dende o venres 19 de setembro, até o domingo, 21, o barrio da Milagrosa acolle unha feira multisectorial. Empresas non só da zona senón mesmo de Valencia, Barcelona, Portugal ou Asturias, exporán os seus produtos no Fórum de Carballo, situado no propio barrio. A feira contará con medio cento de stands, nos que estarán representados sectores como o téxtil, a moda artesanía, fogar, menaxe, marroquinería ou xoiería, entre outros. Aínda que non é unha feira de oportunidades, como a que se organiza na vila na primavera, si poderemos encontrar bos prezo. A entrada será de balde. E tamén haberá lugar para o descanso entre compra e compra: inchables para peques, un bar e mesmo un posto para coller forzas cunha ración de polvo.

O edificio Fórum é unha das instalacións máis modernas e actuais do Concello de Carballo. Ten como finalidade servir de espazo de formación e encontro para os diversos sectores empresariais e económicos da vila, e estase a converter xa en escenario privilexio para a organización de eventos, dende xornadas académicas, até feiras ou mesmo festivais. Foi construído no barrio da Milagrosa, onde antigamente estaba a feira do gando (antano, outro dos elementos dinamizadores da economía da zona) e co fin tamén de darlle novo pulo a este barrio de fonda vocación comercial.

A Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Profesionais do Barrio da Milagrosa organiza a feira coa colaboración do Concello de Carballo. A asociación, malia a ser aínda unha entidade de creación recente, deu abonda conta do seu dinamismo este ano coa organización de iniciativas como a primeira feira medieval de Carballo ou coa organización, na primavera, "Compra e tapea", que unía hostalería e comercio.

A feira estará aberta o venres de 16.30 a 21.00 horas, e de 11.00 a 21.30h o sábado e o domingo.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica