Axenda da finde
Esta será unha finde protagonizada pola danza e as rutas sendeiristas pola Costa da Morte
VENRES
Danza: Silencio, por favor. Pazo da Cultura, 21.00 h. Iniciamos a recta final do ciclo Primavera en Danza con Silencio, por favor, da Compañía Licenciada Sotelo. Un despregue de talento galego, que conxuga, ao redor dos movementos de Nuria Sotelo e Rut Balbís, a música en directo do cello de Macarena Montesinos, o tratamento electrónico do son, tamén en directo, os recursos audiovisuais e multimedia e o asesoramento conceptual de Carlos Arenal e de Rebeca Baceiredo, gañadora en 2006 do Premio Ramón Piñeiro de ensaio. A entrada custa 4 euros (3 con prezo reducido)
Presentación literaria. Sala Dublín. 22.00 h. A Sala Dublín contará para o acto con vari@s compoñentes do Movemento Literario Nómadas. Presentaranse os libros Khepri, sol de mañana, de María Concha Matos, a escolma poética Versus, e El balcón de la vida, de Manuel de Corme. Haberá sinatura de exemplares. O acto estará dirixido e presentado por Óscar de Souto, e amenizado pola actuación poético musical do grupo Versus, conformado polo compositor e cantante Miguel Queipo e o rapsoda Antón Borrazás. Ademais, está previsto que reciten poemas da súa autoría José Vázquez Liste e Fernanda Hermida. Entrada de balde.
SÁBADO
Sendeirismo. Ruta por Cee. O sábado pasado conseguiron xuntar 170 camiñantes, unha excelente apertura para as andainas de primavera que organizan os concellos da Costa da Morte. Este sábado tócalle a quenda a Cee. Será unha ruta circular duns 13,5 quilómetros, que partirá do lugar da Pontella, en Brens, e percorrerá as parroquias de Brens e da Ameixenda. O prazo de inscrición finalizou o xoves ao mediodía mais, se te desprazas polos teus propios medios ao punto de partida, non haberá problema en que vaias sen terte anotado previamente.
Danza. Full House / Magnificant. Pazo da Cultura. 21.00 h. O Centro Coreográfico Galego presentaranos as dúas coreografías para ela creadas por parte de dous artistas de fama internacional: o sueco John Inger, autor da coreografía Full House, e o francés Amaury Legrun, con Magnificant. Tanto Legrun como Inger contan cunha sólida formación en danza clásica, que reinventan desestructurándoa e xogando con movementos novos, música e iluminación para crear unha innovadora linguaxe escénica. A entrada, a 3 euros (un euro menos con prezo reducido).
Música en directo. Sangre de muérdago. Sala A Reserva, 23.000 h. A Sala A Reserva ten programado para este sábado o concerto da banda de neo-folk e country-folk, Sangre de muérdago. O grupo recala esta finde en Carballo, no medio dunha intensa xira europea, con paradas en Amsterdam, Brighton, Bristol ou Liverpool. A entrada custa seis euros. O concerto será en acústico e cun equipo de son autorizado, motivo polo que poderá levarse a cabo malia a sanción que obrigará á sala a solucionar por completo o problema de ruídos.
DOMINGO
Sendeirismo: de Carballo a Corcoesto á beira do Anllóns. Este domingo, a organización Senda Nova organiza unha ruta de Carballo a Corcoesto, á beira desta que é a nosa columna vertebral líquida. Non só poderemos gozar dunha paisaxe de ribeira recoñecida como Rede Natura, de paraxes como as de Verdes ou de vistas como a do Anllóns á beira da capela de Santa Mariña de Corcoesto. A ruta tamén nos dará a posibilidade de achegarnos a elementos patrimoniais como a ponte da Pontedona, que separa Coristanco de Ponteceso, e de coñecer de primeira man as paisaxes que un proxecto mineiro quixo destruír recentemente para a extracción de ouro. Máis info nesta ligazón.
Sendeirismo. Camiño dos Faros, de Laxe a Arou. Esta fin de semana chegamos á cuarta etapa dos Camiños dos Faros, que nos levará de Laxe a Arou, preto de Camelle. O itinerario daranos a posibilidade de coñecer curiosidades da natureza como a Praia dos Cristais ou a Furna da Escuma, de achegarnos até os restos do museo de Man en Camelle, de gozar das vistas da ría de Corme e Laxe dende o faro da Insua, e de moito máis, porque o Camiño dos Faros é, como di o seu lema, "unha paisaxe a cada paso".
Danza infantil. Constelaciones. Pazo da Cultura, 19.30 h.
Cores en movemento, imaxinación e humor, son as ferramentas das que a compañía Arcaladanza se valerá para transmitirnos as emocións do imaxinario de Joan Miró. Non é a primeira vez que a compañía madrileña Arcaladanza, referente internacional da danza infantil, pisa os escenarios carballeses. Xa estiveran, con anterioridade, para presentarnos as súas pezas coreográficas ao redor do universo pictórico de El Bosco e Magrit. A entrada custa 5 euros (3,5 con prezo reducido). O espectáculo está recomendado para todos os públicos a partir dos 4 anos.
VENRES, SÁBADO E DOMINGO
Exposición de foto Premios Xosé Manuel Eirís. Pazo da Cultura. A elegancia destaca nas imaxes gañadoras este ano do certame carballés de fotografía Xosé Manuel Eirís. Poderás velas, xunto con unha escola das presentadas á edición deste ano, no terceiro andar do Pazo da Cultura. Todos os días da semana, incluídos sábado e domingo, de cinco a nove da tarde. Aquí tes máis info.
Exposición de gravado. Aproveitando que de Carballo é un gravador de sona internacional como Manuel Facal, quixemos botar man da súa arte para llela transmitir a outras creadoras e creadores do concello. No outono e no inverno, Facal estivo á fronte dos cursos de gravado que se impartiron no Fórum. Os resultados poderemos velos nesta mostra, que se inaugura o xoves, 10 de abril. Todos os días da semana, tamén sábados e domingos, de cinco a nove da tarde no Pazo da Cultura. Aquí tes info sobre os obradoiros que deron orixe a esta exposición e sobre o proceso de gravado.
Xornadas do bacallau. Viñoteca Ánfora. Do 11 ao 27 de abril, a viñoteca Ánfora organiza as Xornadas do bacallau, unha das especialidades deste local, de inspiración galego-vasca. Para que vaias abrindo boca, aquí che deixamos unha receita de bacallau á biscaíña que nos preparon no seu momento para Turismo Carballo.