Carballo a un paso

Inicio // Coñece Carballo // Cultura viva // Romarías

Compartir:

Romarías

Festa

Festa do Bosque

As romarías son espazos para o encontro coa natureza ou co sagrado, pero tamén para a tradición, a diversión e a manifestación da cultura popular. En terras carballesas hai varias de sona. Ano a ano, a xente da contorna reúnese nestes que adoitan ser lugares tocados por un algo que os fai especiais. E fano ben por fe, ben á troca de sacrificios polos favores dun santo ou, simplemente, para encontrarse e pasalo ben.

Á sombra dos carballos e á beira do Anllóns, a Festa do Bosque pon todos os anos o broche de ouro ao San Xoán, a festa grande de Carballo. Celébrase dende os anos 20 do século pasado e foi recuperada en anos recentes, nun lugar que trae moi gratos recordos a moitos carballeses e carballesas, o bosque do Añón. A xornada comeza coa comida campestre e prosegue ao longo de toda a tarde con música e concursos do máis variopinto, como a peculiar competición de barquiños de papel.

Unha das romaxes máis coñecidas do concello é a de Santo Hadrián da Piña, nos lindes da parroquia de Sofán co concello da Laracha. Di a tradición que o santo é bo para facer desaparecer as verrugas. Para conseguir os seus favores, é costume levarlle un polo que logo é poxado. Celébrase o 16 de xuño, cando o verán comeza a alborexar, xusto unha semana antes doutra romaría de gran sona na Costa da Morte, a de Santo Hadrián de Malpica.

Preto dunha das paraxes máis fermosas do concello, a férveda do río Outón, celébrase a romaría de San Paio da Devesa, na parroquia de Entrecruces. Como ten lugar no inverno, a principio de ano, tamén é coñecida como San Paio de Xaneiro. A súa capela, recentemente restaurada, ten ao redor de cinco séculos e é unha das máis antigas do concello. Conta cunha fermosa bóveda de cruzaría da época renacentista. Entre as romeiras e os romeiros repártense estampas con curiosos versos dedicados á xente das parroquias do arredor:

Vinde, vinde romeiriños
o San Payo d´a Devesa
que se encontra muy soliño
xunto o saldo d ´a férveda
pois disque é de muito empeño
para aqueles que teñen reuma
e sinten muito dolor
cando a xiada apreta.

Non é o único caso en que a romaría está vinculada a lugares de gran beleza paisaxística. A de Santa Eufemia, en Rus (que tamén se celebra na parroquia de Bértoa) ten lugar a finais de setembro na capeliña que está situada nunha área recreativa preto da fervenza de Ramil. A de Santa Irene, en Castrillón, celébrase a mediados de setembro na croa dun castro dende o que se pode observar toda a amplitude da costa e do espazo natural Razo-Baldaio. A de Santa Mariña, en Razo, é o 18 de xullo nunha capela situada preto dun miradoiro dende o que se observa todo o perfil da costa entre Razo e Baldaio e mesmo alén, até as proximidades da Coruña.

Algún dos moitos males aos que a xente acudía en procura de remedio quedou xa, afortunadamente, superado. A San Campio, en Cances, á beira dunha fermosa carballeira, acudían tempos atrás os mozos para conseguir un bo destino no servizo militar, sobre todo na época da Guerra Civil ou na de África.

Pretiño dun carballo centenario e inmenso, tanto que até forma parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, ten lugar a romaría de Santo Antón, na capela privada do pazo de Vilar de Francos. Ese día, o 13 de xuño, os señores do pazo aproveitaban para confraternizar cos veciños e veciñas de contorna, que traballaban nas súas terras, e abríanlles a porta da capela. Iso si, os señores sentaban na tribuna e tiñan entrada propia á capela dende o pazo.

Cada vez máis afluencia ten a romaría da Milagrosa, no barrio carballés do mesmo nome. Celébrase a principios de setembro, cando o verán comeza a desfalecer, e son característica delas as alfombras de flores que constrúen con todo mimo as veciñas e os veciños do barrio.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica