Carballo a un paso

Compartir:

Seis rutas para seis domingos: Outono en marcha!

Volven os percorridos de Senda Nova para levantarvos do sofá e coñecer as terras da comarca de Bergantiños: do 6 de outubro ao 17 de novembro

Outono en marcha


O Outono en Marcha cumpre oito anos! Unha tempada máis, as andainas de Senda Nova percorrerán os camiños e corredoiras de Bergantiños durante os domingos de outubro e novembro. Durante estes roteiros, que duran todo o día, poderedes coñecer curiosidades, anécdotas e moita información útil de cada un dos puntos de interese dos percorridos, nos que ademais poderedes camiñar en grupo, gozar da paisaxe, comer en compañía e tentar pasar unha xornada diferente de aprendizaxe e convivencia. Para esta tempada 2019 inclúense seis percorridos entre o 6 de putubro e o 17 de novembro: Razo-Baldaio para protexer, Vía Alcaianus, Terras do Marqués, Senda das Capelas, Vía Alcaianus, Ruta das Férvedas e Pegadas do Volframio pasando polos municipios de Carballo, A Laracha, Coristanco e Malpica de Bergantiños.

As inscricións poden formalizarse dende dous días antes da celebración de cada roteiro tanto na base de Protección Civil de Carballo (Edif. Ambulatorio vello. Carballo 2º andar) de luns a venres  de 9.30 a 13.30 horas; como no Museo de Bergantiños os mércores de 17.00 a 19.00 horas; e tamén no Espazo da Natureza de Oza os xoves e venres de 17.00 a 20.00 horas. +info no Facebook ou no enderezo electrónico de Senda Nova <asociacion@sendanova.org> e no teléfono 611 037 617. O prezo para participar é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade. Os socios/as de Senda Nova maiores de idade pagan 3 € e 1 €, os menores.

RUTA A RUTA

Respecto do calendario de rutas (todas con saída desde Carballo ás 8.15 horas dende a sede de Senda Nova na rúa Venezuela), as súas características son as seguintes: 

  • Razo-Baldaio para protexer: 6 de outubro. Achegamento á espectacular paisaxe marítima de Carballo, que se contempla case integramente. Xeoloxía, cultura e biodiversidade nun espazo natural que alberga un dos sistemas dunares mellor conservados de Galicia. Unha zona húmida que acolle interesantes especies de avifauna e como non, un dos areais máis extensos como aloxamento de luxo para a píllara das dunas. Dificultade: media. Distancia: 14 quilómetros.
  • Terras do Marqués: 13 de outubro. No centro xeográfico de Carballo atópanse as dúas fértiles parroquias de Ardaña e Artes. Conviven a través do alto da Peniqueira, un balcón natural cheo de historia que una dúas áreas farturentas. Foron o lugar ideal para establecer construcións fidalgas. Dificultade: media. Distancia: 14 quilómetros.
  • Senda das Capelas: 20 de outubro. Polo interior máis profundo do Concello da Laracha alóngase a parroquia de Montemaior, a única parroquia pola que camiña unha ruta salpicada de capelas. Incluídas en fermosas paraxes de silencio, en varias delas afloran lendas nas que aínda latexan cultos precristiáns. No centro do percorrido, o curtidoiro de Cumiáns, un espazo de agradable rehabilitación que data de 1852. Dificultade: media. Distancia: 16 quilómetros.
  • Vía Alcaianus: 27 de outubro. A lagoa de Alcaián é un dos máis importantes humidais de Bergantiños e tamén inicio dunha vía que pretende seguir os pasos dos camiños romanos. A ponte Lubiáns é un dos puntos estratéxicos cunha senda que atravesa castros, pazos e fermosas corredoiras antigas enmarcadas con especies autóctonas. Camiños cheos de historia que entran na capital bergantiñá dende o berce da mesma vila. Dificultade: media-baixa. Distancia: 19 quilómetros.

Pegadas do Volframio

Pegadas do Volframio

  • Ruta das Férvedas: 10 de novembro. A depresión meridiana é o compás que guía o percorrido dende Carballo ata a Férveda de San Paio de Entrecruces. Corredoiras cheas de encanto para unir saltos de auga formados pola citada valgada que percorre Galicia de norte a sur. Construcións relixiosas como a impoñente igrexa de Rus dividen un sinxelo itinerario a cabalo entre a montaña e os fértiles vales das parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces. Dificultade: media. Distancia: 15 quilómetros.
  • Pegadas do Volframio: 17 de novembro. Este roteiro cheira a historia a través dun negro mineral moi prezado durante a II Guerra Mundial. Monte Neme é o balcón xefe de todo un percorrido para sacar proveito da atracción ancestral do espazo. As casas das minas, o castro de Rodo e, sobre todo, a paisaxe explosiva dende o bico do monte conforman unha das rutas máis fascinantes da contorna. Dificultade: media. Distancia: 17 quilómetros.

Por se non tes abondo coas rutas, Senda Nova ofrece tamén actividades paralelas durante a celebración do Outono en marcha. Serán no Espazo da Natureza de Oza e levan por título Xoves de fimes e Venres de Encontros con activistas. Serán cada xoves e cada venres a partir das 19.00 horas.

Selecciona a túa cita favorita do programa e participa! Ou, mellor aínda, fainas todas! Vémonos nos camiños...


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica