Carballo a un paso

Compartir:

Derrubando muros viaxa a Grecia, Italia, Bulgaria, Francia e Letonia

Grazas ao programa Erasmus+ no que participa un centro de ensino carballés, fotos dos nosos murais están percorrendo Europa

Un momento da visita guiada que realizaron, cámara en man, as nenas e nenos

Un momento da visita guiada que realizaron, cámara en man, as nenas e nenos

Derrubando muros con pintura, o proxecto de arte urbana do Concello de Carballo, derruba muros, pero tamén derruba fronteiras. Non só porque numerosos artistas internacionais chegados de lugares como a India, Xapón ou Arxentina teñen deixado a súa pegada na nosa vila; senón tamén, nestes días, grazas a nenas e nenos que non teñen máis de 11 anos e que están levando os nosos muros por toda Europa. Alumnas e alumnos de 3º e 5º de Primaria do CEIP Bergantiños están percorrendo as rúas de Carballo para fotografar as nosas obras de arte urbana.

O alumnado percorreu os murais, cámara en man, para realizar fotografías que compartirán con centros de toda Europa

Acompañados dos seus profesores e coa axuda das visitas guiadas dispoñibles e dos códigos QR que achegan toda a información de cada mural, aprenden sobre arte e fotografía no marco do programa internacional Erasmus+. E a través deste mesmo programa, esas fotos viaxarán a Grecia, Italia, Bulgaria, Francia e Letonia para ser compartidas con profesores e alumnado doutros colexios, compañeiros de andaina do Bergantiños carballés neste programa europeo.

Arte e novas tecnoloxías

O Erasmus + fomenta a cooperación internacional inter centros e tamén, neste caso, o uso das novas tecnoloxías, a adquisición de pensamento crítico, de coñecementos sobre arte e fotografía e a aplicación de todo o aprendido polos alumnos nos seus traballos e actividades cotiás nas aulas. E, sobre todo, a posta en común de todo iso entre os centros dos seis países participantes. Ademais, cinco nenos e nenas viaxarán no mes de maio a Francia, acompañados de varios profesores, para compartir en persoa as súas experiencias co proxecto.

Derrubando fronteiras!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader