Carballo a un paso

Compartir:

Baldaio: un tesouro para os ornitólogos

O outono e a primavera son momentos de especial interese para os avistamentos: a zona conta con máis de 200 aves rexistradas

Vista dende o Observatorio de aves de Baldaio

Vista dende o Observatorio de aves de Baldaio

Baldaio, ademais de contar cunhas espectaculares paisaxes, ten unha importancia medioambiental indiscutible. En especial, polo seu particular ecosistema, ten unha grande riqueza faunística, sobre todo de aves. Na nosa lagoa habitan multitude de especies aladas, moitas delas únicas en Galicia, ademais de que a lagoa está recoñecida pola Unión Europea como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e conta cun observatorio ornitolóxico en plena marisma. Porén, estes especiais habitantes da ría seguen sendo grandes descoñecidos. Convidámosvos a facer unha pequena viaxe por este tesouro ornitolóxico!

A nosa lagoa conta cun observatorio ornitolóxico dende o que poder realizar avistamentos

Empezamos falando de dúas das épocas de máis actividade para os ornitólogos: o outono (paso de aves de norte a sur) e a primavera (paso de aves de sur a norte), que son moi propicias para os avistamentos. Así, Baldaio sitúase en plena ruta migratoria das aves acuáticas que cruzan pola costa galega dende Europa a África no seu voo post nupcial, logo da cría e buscando o calor. Veñen do centro e norte de Europa, mesmo da zona ártica e circunpolar e viaxan para pasar o inverno, sobre todo cara á África subsahariana. A costa do noroeste ibérico é unha zona de paso moi concorrida e especialmente os humidais costeiros, como o de Baldaio, teñen gran importancia xa que as aves necesitan facer paradas nos seus movementos migratorios.

Supervivencia das especies

As aves que máis abondan na lagoa son as limícolas que, cos seus peteiros máis ou menos alongados, escarvan nestas nutritivas areas para obter alimento no limo que lles dá nome. Fan escala en Baldaio para alimentarse e poder seguir camiño: buscan ambientes intermareais e lamazais coma o noso. Os humidais teñen unha importancia capital xa que esas paradas supoñen a supervivencia da especie. En realidade, a nosa marisma é un dos sitios máis relevantes do noroeste ibérico para estas aves. En Galicia hai 3 ou 4 emprazamentos moi importantes, e Baldaio é un deles. Na zona hai máis de 200 especies documentadas e rexistradas nos últimos 30 ou 40 anos, momento dende que comezaron as anotacións, segundo nos apunta Xabier Varela, ornitólogo con más de 30 anos como afeccionado e Vixilante Medioambiental do Concello de Arteixo.

Para él "tendo en conta as dimensións de Baldaio, a zona conta cun índice de diversidade ornitolóxica de primeira orde" no que a lagoa é moi importante, pero tamén toda a contorna e as augas marítimas inmediatas. Sumando toda a área poden contabilizarse unhas 250 especies distintas de aves, cando en toda Galicia hai rexistradas unhas 330. Para Xabier Varela "en Baldaio hai un tesouro". De feito, subliña, "poden atoparse rarezas a nivel europeo". Entre as aves que poden verse máis habitualmente, atopamos o mazarico real, moi típico de Baldaio; o mazarico rabipinto, o pilro común, o correlimos común ou a píllara real.

Guía rápida para iniciarse na ornitoloxía

Observatorio de aves

Observatorio de aves

  • O mellor momento para os avistamentos é a baixamar, cando afloran fungos moi interesantes que serven de alimento para as aves. Hai que evitar a preamar para realizar os avistamentos, xa que os ciclos de actividade dos paxaros non se rexen en función do día e da noite, senón da comida, e aproveitan a baixamar para alimentarse. En cambio, durmen durante a preamar.
  • É imprescindible levar uns prismáticos, aínda que non fai falla que sexan moi caros, nin moi sofisticados. De 8 ou 10 aumentos hainos por 30 euros, asegura Varela, e serven perfectamente para iniciarse.
  • Facerse cunha guía elemental de aves. Non fai falla comprala, xa que a maioría das bibliotecas adoitan ter alguna coa que obter a información básica.
  • Levar roupa e calzado cómodo e comezar a observar a contorna.

Así que, xa sabedes, se paseades de cotío por Baldaio, para a pena seguir esta guía básica e gozar dunha actividade entretida e que fomenta o contacto coa natureza!

* O noso agradecemento a Senda Nova e a Xabier Varela pola información facilitada para a elaboración deste artigo.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader