Carballo a un paso

Inicio // Que ver // Núcleo urbano

Compartir:

Núcleo urbano

Carballo é unha vila acolledora, como o abrigo da árbore que lle dá nome. Aquí ninguén é turista, senón un máis, unha máis.

A vila está acostumada ao bulicio, ao trasfego de xente que merca, vende ou parola na rúa aproveitando que viu a alguén coñecido. Porque Carballo é, sobre todo, unha vila para o encontro.

Quizais un dos mellores lugares para coñecer Carballo sexa o seu mercado. Quizais un dos mellores días, os xoves ou os domingos de feira. E é que un día de compras na vila é unha boa maneira de mergullarse na súa alma, puramente feirante.

Rúa Coruña

Rúa Coruña

No mercado de abastos, con instalacións modernas recentemente reformadas, atoparás o mellor das terras e do mar da Costa da Morte. Na feira terás unha ampla variedade de produtos dos nosos campos. Na nosa importante rede de pequeno comercio encontrarás un trato servizal e próximo e gran diversidade de oferta.

Podes tomar un respiro nalgunha das nosas terraciñas ou gozar do sabor dos nosos produtos da terra nalgunha das nosas casas de comidas máis coñecidas. E, se tes espírito nocturno, has de vir a Carballo un venres e facer percorrido polos nosos coidados e equipados pubs, algúns deles con instalacións técnicas das mellores de Galicia.

Para rematar de coñecer a vila aconsellámosche o roteiro urbano que te levará polos principais puntos de interese: o Museo de Bergantiños, o balneario de augas termais que deron orixe a Carballo, a praza de Galicia, a praza do Concello, a nosa arte urbana, na que destacan as esculturas do afamado artista de orixe carballés Manuel Facal… Carballo non sería o mesmo sen o Anllóns, a súa columna vertebral líquida. As súas marxes –máis de sete quilómetros de paseo ida e volta– foron recuperadas en anos recentes.

E como Carballo é sobre todo cruce de camiños, dende aquí terás unha excelente oportunidade de achegarte a cidades como a Coruña, a media hora, ou Santiago, a tres cuartos de hora. Tamén poderás aproximarte a localidades costeiras como Malpica, Ponteceso e, a menos dunha hora, Fisterra, Muxía, Corme, Camariñas ou Laxe.


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Galicia Agader