Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Calzándonos para a vida dende os anos corenta

Compartir:

Calzándonos para a vida dende os anos corenta

Calzados Mariño creou ao seu redor toda unha saga de zapateiros, da que saíron varias zapatarías que aínda hoxe en día teñen as portas abertas en Carballo.

Pioneiros do comercio carballés

Calzados Mariño, ao fondo, nunha fotografía do pasado

Calzados Mariño, ao fondo, nunha fotografía do pasado

A vida é un camiño, non sempre fácil. A veces, sentímonos como nenos con zapatos novos. Outras, semella que non paran de entrarnos pedras nos zapatos. En todo caso, para andala, cómpre sempre ganas, un bo riso e, sobre todo, uns zapatos a medida. Na zapatería Mariño saben ben diso. Non só porque levan calzándonos dende os anos corenta do século pasado senón porque, entre zapatos, viron pasar a vida. Entre eles medraron, xogaron, namoraron, e criaron aos seus fillos, agora a esa netiña de dous anos que recibe como un trebón á intrusa que fará de xornalista nada máis entrar pola porta.

José Mariño Rabuñal, o fundador, instalouse en Carballo, na praza de Galicia, en 1940. Foi un deses pioneiros do comercio carballés que, en tempos tan tempestivos como os da posguerra española e a segunda guerra mundial, souberon montar os seus negocios con piares tan firmes que até perduran na actualidade. Era aquel un Carballo de tempos grises e mulleres enloitadas no que  non todo o mundo podía permitirse ter uns zapatos. Nas aldeas, até ben entrados os anos sesenta, os zocos eran o día a día en camiños que eran corredoiras, e os zapatos, con sorte, quedaban para os domingos e días de gardar.

Saga de zapateiros

O fundador, José Mariño, coa súa filla (anos 50)

O fundador, José Mariño, coa súa filla (anos 50)

Mariño Rabuñal era de Berdillo. Xa alí facía zapatos, na casa, que logo vendía polas feiras: dende Leioloio ou Buño até Santa Comba ou Bembibre. Aprendera o oficio doutra familia de artesáns da parroquia, os Serrano, da que sairía o último zoqueiro de Carballo, José López Rama, que até hai ben pouco tivo tenda aberta na rúa Muíño.

A zapatería Mariño instalouse no seu emprazamento actual, na rúa Coruña, no ano 1944. Até entrados os anos cincuenta, tiveron non só comercio, senón tamén taller, con aprendices, oficiais e mestres. De aí sairía toda unha saga de zapateiros, e mesmo algún peleteiro.

Unha das fillas, Sabina, a que máis traballara co pai no negocio familiar (el no taller e ela atendendo ao público) casou cun dos zapateiros que alí aprendeu e abriron a súa propia tenda, o actual Calzados Mira. Outra, Estrella, abriría a zapatería infantil Estrella, que aínda hoxe en día ten as portas abertas na rúa Coruña, ao lado de zapatería Mariño. E outro fillo máis, Ignacio, que aprendera o oficio de zapateiro, terminou emigrando e instalándose en Montevideo. Intención levaba de continuar a saga ultramar, porque para aló levou as ferramentas do zapateiro, mais ao final rematou por deixar o oficio.

Zapatos que namoran

José Mariño e mais a súa filla Sabina

José Mariño e mais a súa filla Sabina

O máis pequeno dos fillos, Enrique Mariño, tamén coñecido como Quico Balay, foi o que seguiu a cargo da tenda familiar. Non aprendeu do pai o oficio de zapateiro, porque o seu, dinos, era máis ben o comercio. Xa a finais dos 80, abrirían, de feito, outra tenda nova na vila, na rúa Camiño Novo.

Do negocio familiar encárgase hoxe en día a súa muller, Celsa Lorenzo. Aos seus 57 anos, Celsa leva xa máis de corenta traballando na tenda. Entrou con tan só quince, a axudar nos días de feira, e remataría casando co máis pequeno da familia Mariño. Algo deben ter eses zapatos porque unha vez máis, ao igual que acontecera con Sabina, outro irmán volveu namorarse entre eles.


Se entras na tenda da zapataría Mariño, na rúa Coruña, non che será difícil recreala décadas atrás. A casa é unha das poucas da época, na vila, que se mantén intacta. No interior, conservan os mesmos andeis e o mesmo mostrador dos primeiros tempos. E, se poñemos algo de imaxinación, quizais aínda poidamos escoitar o bule bule do taller zapateiro no que, medio século atrás, traballaban ao redor dunha ducia de persoas onde agora é a trastenda.

Canto até a clientela se herda

Calzados Mariño, na actualidade

A tenda actual conserva os andeis e o mostrador antigos

Pedímoslle a Celsa que navegue nos recordos, nas anécdotas. Cun riso lembra como, até non hai tanto, a xente non compraba o calzado polo número, senón que lle traía un pauciño que era a medida do pé, dende o calcañar até o dedo gordo. A veces, dinos, chegaban con varios garabullos, se querían levar zapatos para varias persoas da familia. Tempos atrás, sinala Celsa, non había tanta variedade. A xente compraba un par de veces ao ano, para o inverno e para o verán, e as cores do calzado limitábanse ao marrón e ao negro.

Da man dos recordos de Celsa aínda nos podemos imaxinar o tacto deses zapatos de pel de tafilete que, cóntanos, tan ben facía o seu sogro. Agora, aínda que xa non fan zapatos, na tenda mantense ese gusto e esa aposta polo bo calzado. Será por iso polo que conservan clientela de toda a vida, mesmo fillos e fillas de xente que xa lle compraba ao vello zapateiro Mariño. Porque, en Carballo, nos comercios de toda a vida, até a clientela se herda.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica